A Casa da Moeda de Stuttgart (en alemánStaatliche Münze Stuttgart ou, máis formalmente, Staatliche Münze Baden-Württemberg Standort Stuttgart; "Casa da Moeda Estatal de Baden Württemberg en Stuttgart") é unha das cinco fábricas de moeda estatais activas en Alemaña, situada en Stuttgart, e depende das autoridades de Facenda do Estado de Baden-Württemberg. As outras cecas do país teñen as súas sedes nas cidades de Berlín, Hamburgo, Múnic e Karlsruhe.
Na planta de Stuttgart prodúcese o 38 % de todas as moedas que Alemaña cuña para a súa posta en circulación na Eurozona.[2] Inclúense aquí as moedas conmemorativas autorizadas para as casas de moedas alemás e unha moeda conmemorativa anual con valor de 10 euros emitida exclusivamente na ceca de Stuttgart. Cun cadro de persoal de 63 persoas, en Stuttgart cúñanse ata dous millóns de moedas diariamente.
Historia
O 17de xaneiro de 1374, o emperadorCarlos IV outorgoulle ao conde Everardo II de Württemberg o dereito da cuñaxe de moeda e a ceca establecida para tal efecto en Stuttgart converteuse na principal das existentes en Württemberg.[2][3]
As moedas cuñadas nesta ceca entre os séculos XV e XVII amosan como marca de ceca a letra "S" ou, en ocasións, o nome completo do lugar: Stuttgart. Nalgunhas emisións, a representación do cabaloheráldico tradicional en Stuttgart, denominado "Rössle", serviu tamén como marca identificativa das moedas cuñadas na cidade.[3]
A aparición da letra F como marca de ceca non se produciu ata 1871, cando o Imperio Alemán, que se acababa de instaurar, tomou o control de todas as casas de moeda que daquela existían no seu territorio e lle asignou a cada unha delas unha letra correlativa.[3]
Durante séculos, Casa da Moeda de Stuttgart situouse nun pequeno edificio no centro da cidade, preto da Marktplatz e do antigo castelo, feito que deu lugar á existencia da actual Münzstraße (Rúa da Casa da Moeda) nas inmediacións.[4]
En 1844, as instalacións da ceca trasladáronse a un novo edificio no número 19 da Neckarstraße, mandado construír para o efecto polo rei Guillerme I. Durante a segunda guerra mundial este edificio resultou gravemente danado e, logo dunha rápida reparación, continuou a servir como casa de moeda ata 1967.[3]
A partir desa data, a Casa da Moeda de Stuttgart trasladouse a unha nova localización en Reichenhaller Straße no populoso distrito de Bad Cannstatt, nun edificio que conta cunha superficie útil de 6.000 metros cadrados.[2][4]