Foi campión olímpico en Pekín 2008, catro veces campión do mundo de piragüismo en augas tranquilas e dúas veces campión de Europa. Suma en total oito medallas no Campionato Mundial e sete no Campionato Europeo.
Foi internacional por primeira vez en 1999, no europeo de Zagreb, onde participou en tres clases, sendo o seu mellor posto un quinto lugar logrado no K2 200m, formando parella con Rodrigo Tiebo.[5] Tamén competiu no Campionato Mundial celebrado en Milán, en K4, quedando en sétima posición.[6] Ao ano seguinte quedou noveno no europeo de Poznan en K2 500.[7] En 2001 quedou cerca de lograr ás súas primeiras medallas no Europeo, en Milán, quedando en quinta e cuarta posición no K2 200 e K2 500 respectivamente, en ambas distancias con Emilio Merchán como compañeiro de kaiak.[8] No Mundial dese ano, en Poznan quedaron sétimos no K2 200m.[9] No 2002, a súa mellor clasificación foi un quinto lugar no Europeo de Szeged na categoría K2 200m.
Primeiras medallas internacionais e Atenas 2004
O seu primeiro título de importancia foi a medalla de prata obtida en 2003 na distancia olímpica de K1 500 m nos Mundiais de Gainesville, nos Estados Unidos (1"37'961).[10] O ano seguinte logrou a súa primeira medalla no Campionato de Europa, un bronce, tamén en K1 500 m.[11] Ese ano participou tamén nos seus primeiros Xogos Olímpicos, Atenas 2004, onde quedou sorprendentemente fóra da final ao quedar sexto na súa serie das semifinais.[12]
En 2007 quedou quinto na distancia olímpica dos K1 500 m do Europeo celebrado en Pontevedra,[17] e participou na mesma categoría nos Mundiais de Duisburgo, clasificatorios para os Xogos de Beixín. Pasou a semifinais, mais nesta proba non se puido clasificar máis que para a final B, e moi axustadamente, ao pasar co peor dos tempos (1'45"923). Na final B foi sétimo (16º en xeral), cun crono de 1' 38,975".[18] Tamén nese ano aprobou as oposicións para entrar na Policía Nacional.[19]
Ao ano seguinte proclamouse campión de Europa por segunda vez, desta volta no K2 200 m, ao lograr o ouro con Saúl Craviotto en Brandeburgo.[26] Ademais, tamén xunto a Craviotto, quedou cuarto no K2 500 m.[27] Nas mesmas dúas clases competiu no Mundial dese ano, celebrado no Canadá, logrando o subcampionato nos 200 metros[28] e un cuarto posto nos 500.[29] Nese mesmo campionato coroouse tamén por primeira vez como campión do mundo da clase K1 4x200m, formando equipo con Saúl Craviotto, Francisco Llera e Ekaitz Saies.[30]
Década de 2010
En 2010 volveu a Aldán, ingresando no recentemente creado Club Piragüismo Aldán, presidido polo seu irmán Jesús Pérez Rial.[31] No Europeo de 2010, na localidade asturiana de Trasona, en Corvera, colgouse outras dúas medallas de prata no K2, nas distancias de 200 e 500 metros.[32] No Mundial en Poznan repetiu prata en 200 metros e proclamouse campión do mundo outra vez no K1 4x200 m.[33]
No 2011 non logrou subir ao podio europeo nin mundial en K2, pero proclamouse por terceira vez campión do mundo no K1 4x200 m en Szeged.[34]
En 2012, no preolímpico celebrado en Polonia, non puido conseguir o billete para os Xogos Olímpicos de 2012, despois de que unhas ondas lle arruinasen a carreira de K2 200 m que ía liderando xunto a Craviotto.[35] En 2013 participou no Mundial de Duisburgo cunha nova parella no K2, Diego Cosgaya, non logrando meterse na final nos 1000 metros e quedando novenos nos 500. No K1 4x100, o equipo formado por Perucho, Craviotto, Carlos Arévalo e Carlos Garrote finalizou en quinta posición.[36]
Nos seguintes anos adicou cada vez máis tempo ao surfski ou kaiak de mar,[37] gañando a liga galega e o campionato galego[38], así como A Lanzada Ocean Race de 2016,[39] e participando en 2018 no Campionato de Europa celebrado en Villajoyosa, quedando en 26ª posición.[40]
Recoñecementos
En 2004 recibiu a medalla de bronce da Real Orde do Mérito Deportivo, xunto a David Cal e Teresa Portela entre outros.[41] En 2010 púxoselle o seu nome ao paseo marítimo de Aldán, agora chamado "Paseo Carlos Pérez".[42][43] Así mesmo, o concello de Ribadumia, onde pasou dous anos no club Náutico O Muíño, nomeouno "Fillo Adoptivo".[44]