Porén, existen animais doutros xéneros (que non son Capra), pero da subfamilia dos caprinos, que ás veces se denominan "cabras", como as do xénero Oreammos, ao que pertence a chamada cabra das Montañas Rocohsas (Oreamnos americanus).
A verdadeiras cabras salvaxes son orixinarias do centro-oeste de Asia, onde aínda viven a maioría das especies actuais, e desde onde colonizaron partes de Europa e o norte de África.
As cabras son animais gregarios que viven en pequenas mandas pero, ao contrario que os seus próximos parentes, as ovellas (xénero Ovis), son animais adaptados a comeren arbustos e matos de poliñas e follas coriáceas, propias de medios secos e/ou montañosos.
Adoitan seren animais moi áxiles, capaces de gabearen con facilidade por pendentes sumamente empinadas, e de saltar dun penedo a outro bastante afastado.
Son caprinos, como as especies do xénero Ovis (que inclúe as ovellas), pero distínguense destas pola presenza de glándulas odoríferas cerca dos pés, nas ínguas e na fronte, pola ausencia doutras glándulas faciais, e pola presenza dunha barba nos machos (as chamadas barbas de chivo) e de calos sen pelo nos xeonllos das patas dianteiras.[1]
As especies salvaxes presentan un marcado dimorfismo sexual, manifestándose grandes diferenzas de tamaño, cor e cornamenta entre machos e femias; porén, as diferentes razas domésticas tenden a suavizar estas diferenzas.
Díaz d'a Silva, J. I. & Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96893-20-7.
Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
Schilling, D.; D. Singer & H. Diller (1987): Guía de los mamíferos de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0784-4.
Van den Brink, F. H. & Barrel, P. (1971): Guía de campo de los mamíferos salvajes de Europa occidental. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.