Camp d’en Grassot i Gràcia Nova é un barrio de Barcelona situado no Distrito de Gràcia e que conta con 34.838 habitantes. Está delimitado polas rúas Bailèn e Escorial no oeste, pola rúa Rosselló ó sur, pola rúa das Camèlies ó norte e pola rúa Sardenya ó leste. O edificio máis emblemático é a antiga fábrica de La Sedeta, agora convertida en instituto de ensino secundario e en centro cívico. O barrio celebra a primeira quincena de setembro a súa propia festa maior.
Historia e características
Camp d’en Grassot é hoxe un barrio relativamente independente da Vila de Gràcia (o barrio máis poboado do distrito de Gràcia). Esta área caracterízase por un desenvolvemento distinto, con construcións máis recentes que o resto de barrios do Distrito de Gràcia e cun carácter máis comercial.
O Camp d’en Grassot era, nas súas orixes, unha zona rural no extremo do antigo municipio de Gràcia que estaba na zona limítrofe co antigo municipio de Barcelona e que por algún tempo pasou a pertencer ó Barrio de Sagrada Família. A partir de 1860, este barrio pasou a ser unha zona urbanizada polos propietarios dos terreos, un dos cales foi Jeroni Grassot, de quen provén o nome do barrio.[1]
A antiga fábrica de La Sedeta foi creada en 1899 e estivo en funcionamento ata finais de 1976. En 1978 foi adquirida polo Concello de Barcelona. Ademais desta, tamén houbo outras fábricas no contorno na mesma época tales coma Casa Pujol e Casacuberta.