Camiño do Cid

O Camiño do Cid é un itinerario turístico cultural baseado nun personaxe histórico, Rodrigo Díaz de Vivar (O Cid Campeador), e nunha obra literaria, o Cantar de Mio Cid.

Características

Placa conmemorativa en Monforte de Moyuela: "Hya va el mandado por las tierras todas, pesando va a los de Monçon [Monforte] e a los de Huesca [Huesa].".

Ámbito

A ruta percorre oito provincias españolas (Burgos, Soria, Guadalaxara, Zaragoza, Teruel, Castelló, Valencia e Alacant) pertencentes a catro Comunidades Autónomas (Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón e Comunidade Valenciana). Pode percorrerse tanto por estrada como por sendeiro.

Aneis temáticos

O Camiño do Cid conta cuns aneis, ou espazos temáticos, que responden a circuítos de estrutura circular con identidade propia dentro do Camiño. Son os seguintes:

  • Anel de Gallocanta: Anel “verde” que une Daroca con Gallocanta, á que algúns estudosos sinalan como o “Alucad” citado no Cantar.
  • Anel de Montalbán: Esta ruta segue as correrías do Cid por Montalbán, Monforte de Moyuela, Huesa del Común e outras poboacións turolenses no seu afán por obter recursos da pillaxe e o cobro de parias.
  • Anel do Maestrazgo (Teruel e Castelló): Percorrido pola Serra do Maestrazgo que, xa no seu descenso, ten a Onda como referente literario.
  • Anel de Morella (Teruel e Castelló): Un pequeno anel de valor histórico, literario, cultural e medioambiental, que ten como referente literario a Olocau del Rey e a Morella como referente histórico.
  • Anel da Taifa de Valencia: Este anel, aínda en fase de proxecto, está previsto que teña como localidades de referencia a Xàtiva e a Peña Cadiella, enclave estratéxico de grande importancia situado nos termos municipais de Beniatjar e Otos.

O salvoconduto

Independentemente da opción que escolla o viaxeiro, as persoas que percorran o Camiño do Cid poden solicitar o salvoconduto, a credencial que certifica o paso do viaxeiro polas distintas localidades do Camiño do Cid e o medio para obter o documento acreditativo do Camiño do Cid. Para conseguir dito documento é necesario estampar polo menos cinco selos oficiais por provincia, excepto no caso das provincias de Soria e Castelló, onde só son necesarios 4 selos.

O salvoconduto expídese gratuitamente na sede do Consorcio Camiño do Cid e noutros puntos da ruta, na súa maioría oficinas de turismo. O documento recorda ao que se utilizaba na Idade Media para asegurar o paso libre e seguro de viaxeiros e mercadorías. Os puntos de selado oficiais aparecen identificados cunha "corneja".

Véxase tamén

Ligazóns externas