O calvinismo (ás veces chamado tradición reformada, a fe reformada ou teoloxía reformada) é un sistema teolóxico protestante e un enfoque da vida cristiá que pon a énfase na autoridade de Deus sobre todas as cousas.[1] Esta vertente do cristianismo protestante é así nomeada en relación ao reformador relixioso francés do século XVIJean Calvin, quen sistematizou moitas das máis coñecidas doutrinas que forman parte da teoloxía reformada.
No século XXI, o conxunto das Igrexas de inspiración calvinista reúne a uns 75 millóns de persoas.[6]
Contexto histórico
Calvino influíu notablemente no desenvolvemento das doutrinas da Reforma protestante. Aos 25 anos, en 1534, empezou a primeira edición da súa obra Institución da Relixión Cristiá, que se publicou en 1536. Esta obra, que foi revisada en diversas ocasións durante a súa vida, ademais da numerosa colección de cartas pastorais e comentarios bíblicos, constitúen a fonte da repercusión que ha ter sobre todas as denominacións do Protestantismo ao longo da súa historia.
O crecemento das igrexas reformadas ou calvinistas pertence á segunda fase da Reforma protestante. Trala excomuñón de Martiño Lutero pola Igrexa católica, Calvino refuxiouse en Xenebra. Asinara a confesión de Augsburgo en 1540, pero a súa repercusión foi máis notable na reforma suíza, a cal non era luterana, senón que se baseaba nos ensinos de Ulrico Zuinglio. O ensino e a doutrina protestantes estaban evolucionando de xeito independente a Martín Lutero, baixo a influencia de moitos escritores e reformadores, entre os que destacaba Calvino.
Numerosos teólogos non necesariamente relacionados coas igrexas reformadas contribuíron a desenvolver a cosmovisión calvinista como se coñecen hoxe en día. Entre eles cóntanse o teólogo holandés de orixe flamenga Francisco Gomarus; John Knox, o fundador da igrexa presbiteriana; John Bunyan, un predicador bautista, autor do best-séller cristián The Pilgrim's Progress (O Progreso do Peregrino), e o teólogo norteamericano Jonathan Edwards, un dos principais protagonistas durante o rexurdimento espiritual denominado Primeiro Grande Avivamento nos Estados Unidos a mediados do século XVIII.
Notas
↑Jean-Daniel Benoit, Calvin, directeur d'âmes: Contribution à l'histoire de la piété réformée, Strasbourg, Oberlin, 1947, p. 68
↑Olivier Fatio, Le calvinisme, in Dictionnaire Historique de la Suisse, Berna, Suíza [1]Arquivado 20 de abril de 2010 en Wayback Machine. Consultado o 12 de xaneiro de 2011.
↑(en inglés) John Patrick Donnelly, Calvinism and Scholasticism in Vermigli's doctrine of man and grace, Tomo 18 de Studies in medieval and Reformation thought, Brill Archive, 1976, págs. 1-2, ISBN 978-90-04-04482-1[2] Consultado el 12 de xaneiro de 2011.
PIRENNE, H: Les villes du Moyen Âge, essai d’histoire économique et sociale (As cidades do medioevo, ensaio dunha historia económica e social), Bruxelas, Lamertin, 1927.