Boban Marjanović, nado o 15 de agosto de 1988 en Zaječar, é un xogador profesional de baloncesto serbio que xoga para os Houston Rockets da National Basketball Association (NBA). Cunha estatura de 2,23 metros xoga na posición de pivote.
Traxectoria profesional
Marjanović comezou a xogar ó baloncesto nas categorías inferiores do Rtanj, equipo de Boljevac. Ós 14 anos, cunha altura xa de 2.09 metros, fichou polo KK Hemofarm, e chegou ó seu primeiro equipo na segunda parte da tempada 2005-06. En xaneiro de 2007 foi cedido ó Swisslion Takovo.
No verán de 2010, Marjanović asinou un contrato de tres anos co CSKA Moscova. O 31 de decembro de 2010, foi cedido ó Žalgiris Kaunas ata final da tempada 2010-11.[1]
En xullo de 2011, fichou polo Nizhny Novgorod ruso, onde estivo media tempada.[2] En xaneiro de 2012 volveu a Serbia, e xogou a segunda metade da tempada 2011-12 co Radnički Kragujevac.[3]
En xullo de 2012, asinou un contrato dun ano co Mega Vizura serbio.[4] Ó remate da tempada, foi nomeado mellor xoga da liga serbia.[5]
O 2 de xullo de 2013, Marjanović asinou un contrato de dous anos co Crvena zvezda.[6] A finais da tempada, foi incluído no mellor quinteto da tempada 2013-14 da ABA Liga. Na tempada 2014-15, foi incluído no mellor quinteto da Euroliga, e foi elixido mellor xogador da liga serbia e das Finais da ABA Liga.
O 17 de xullo de 2015, deu o salto á NBA tras asinar un contrato dun ano cos San Antonio Spurs.[7]
O 29 de xaneiro de 2018, Marjanović foi traspasado ós Los Angeles Clippers xunto a Avery Bradley, Tobias Harris e dúas futuras eleccións do Draft, a cambio de Blake Griffin, Willie Reed e Brice Johnson.[8]
O 6 de febreiro de 2019, Marjanović foi traspasado xunto a Mike Scott e Tobias Harris ós Philadelphia 76ers a cambio de Mike Muscala, Wilson Chandler, Landry Shamet e unha futura elección do Draft.[9]
O 24 de xuño de 2022, Marjanović foi traspasado xunto a Trey Burke, Marquese Chriss, Sterling Brown e os dereitos do Draft de Wendell Moore ós Houston Rockets, a cambio de Christian Wood.[10]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas