Nado en Malone, Nova York,[1] Mould viviu en varios lugares, incluída a área de Minneapolis-St. Paul, onde asistiu ao Macalester College.[2] Alí formou Hüsker Dü a finais dos anos 70 co batería/cantante Grant Hart e o baixista Greg Norton.[3] Mould e Hart foron os principais compositores de Hüsker Dü, coa voz máis aguda de Hart e a barítona de Mould alternándose nas cancións.
Hüsker Dü
Formada en 1979, Hüsker Dü gañou notoriedade como grupo de punk rock cunha serie de gravacións co selo independente SST Records.[4] En 1986 a banda asinou cun gran selo (Warner Bros. Records), pero só conseguiu un modesto éxito comercial.[5] Porén, posteriormente foron citados habitualmente como un dos grupos máis influentes do rock alternativo dos 90 por bandas como Nirvana[6] e Pixies.[7]
A finais dos anos 80 Hüsker Dü separouse amargamente entre abuso de drogas dos membros, problemas persoais, disputas sobre os créditos das cancións, dirección musical, e o suicidio do representande do grupo, David Savoy.[8][9][10] Mould e Grant Hart, o outro compositor e vocalista da banda, aínda se criticaban ocasionalmente na prensa ata a morte de Hart en 2017, aínda que os dous repasaron brevemente a discografía de Hüsker Dü xuntos nun concerto benéfico en 2004 para axudar a un amigo enfermo, Karl Mueller de Soul Asylum.[8]
Primeiro período en solitario
Tras a disolución de Hüsker Dü en 1988, Mould recluíuse nunha remota granxa en Pine City, Minnesota,[11] deixando o alcol e as drogas e compoñendo cancións que acabarían converténdose no seu primeiro álbum en solitario.[12] Mould asinou coa nova Virgin Records America, e o seu álbum de 1989 Workbook deixaba de lado o tradicional muro de ruído de guitarra de Mould por un ton máis lixeiro. O batería Anton Fier (de The Feelies e posteriormente The Golden Palominos) e o baixista Tony Maimone (de Pere Ubu) serviron como sección rítmica de Mould. O álbum chegou ao número 127 da lista Billboard 200, e o sinxelo "See a Little Light" acadou o número 4 na lista Billboard Modern Rock Tracks.[13]
O álbum de 1990 Black Sheets of Rain tiña un son de guitarra moito máis pesado, recordando os momentos máis fortes de Hüsker Dü. Segundo o libreto da reedición de 2012 do disco de SugarCopper Blue, o presidente de Creation RecordsAlan McGee verificou que o total de vendas do álbum fora de 7 000 copias.[4] Aínda así, o álbum chegou ao número 123 da lista Billboard 200, e o sinxelo "It's Too Late" acadou o número 10 da Billboard Modern Rock Tracks.[2]
Posteriormente Mould formou o grupo Sugar co baixista David Barbe e o batería Malcolm Travis. Ademais de xirar extensivamente, Sugar publicou dous álbums, un EP e unha colección de caras b antes de separarse. Copper Blue de 1992 foi nomeado Álbum do Ano pola NME, sendo o disco máis exitoso de Mould tras vender case 300 000 copias.[14]
Mentres aínda estaba en Sugar, en 1993 contribuou coa canción "Can't Fight It" como artista en solitario ao álbum benéfico pola loita contra o SIDA No Alternative producido pola Red Hot Organization.[15] En 1994 gravou "Turning of the Tide" para Beat The Retreat, un álbum tributo ao guitarrista e compositor inglés Richard Thompson.[16]
Segundo período en solitario
En 1996 Mould volveu a gravar en solitario, publicando o álbum Bob Mould ese mesmo ano a través de Rykodisc, coñecido tamén como Hubcap pola foto da portada. Mould tocou todos os instrumentos e programou as baterías en vez de usar un batería real. O álbum chegou ao número 101 da lista Billboard 200, e ao 1 da Heatseekers.[17]
En 1998, Mould publicou The Last Dog and Pony Show, o seu derradeiro álbum con Rykodisc (que publicara todos os álbums de Sugar nos Estados Unidos). O álbum foi chamado así debido a que Mould decidira que a seguinte xira sería a súa "derradeira xira eléctrica cunha banda".[18]
Tras a xira, Mould tomou un descanso na súa carreira musical para centrarse noutra das súas paixóns, a loita libre profesional, cando se uniu á WCW como guionista en 1999 durante un breve período.[19] Diferenzas creativas con algúns dos outros escritores fixo que Mould deixase a compañía e regresase á música. O libreto do álbum de 2002 Modulate deulle as grazas a algúns dos loitadores cos que traballara, destacando Kevin Nash e Kevin Sullivan.
Durante unha tempada vivindo en Nova York a finais dos 90, a medida que abrazaba máis plenamente a súa identidade como home homosexual, os gustos de Mould desviáronse cara a música dance e a electrónica. Esas influencias estaban claras no seu lanzamento de 2002 Modulate, que recibiu críticas dispares e unha pobre reacción dos seus seguidores.[20] Para seguir desenvolvendo ese son Mould tamén comezou a gravar baixo o pseudónimo LoudBomb (un anagrama do seu nome), editando o disco Long Playing Grooves con ese nome.[21]
O seu seguinte álbum en solitario, Body of Song, tería que ser publicado xusto despois de Modulate. Porén, Mould traballou no disco durante os tres anos seguintes, lanzándose en 2005. Nesa época cambiou de opinión sobre xirar cunha banda e anunciou a súa primeira xira con este formato dende 1998. O grupo de apoio estaba formado polo baixista Jason Narducy (de Verbow), o batería Brendan Canty (de Fugazi), e o colaborador de Mould en Blowoff, Morel, nos teclados.[22]
Ademais do seu traballo en solitario, Mould tamén traballou como DJ en colaboración co artista de música dance da área de Washington DC Richard Morel, baixo o estandarte do colectivo Blowoff. Actuaban frecuentemente no 9:30 Club en Washington, D.C. Un CD de Blowoff foi editado en setembro de 2006, formado por cancións gravadas xuntos. Mould tamén fixo remesturas para distintos artistas de música dance e rock alternativo, como unha remestura do tema de Interpol "Length of Love".[23]
District Line foi editado o 5 de febreiro de 2008, e meses despois, en abril de 2009, Mould lanzou o seu seguinte álbum, titulado Life and Times, no medio da investigación da súa vida para unha autobiografía.[24]
O 6 de agosto de 2012 Mould publicou o primeiro sinxelo do seu primeiro álbum con Merge Records, Silver Age, lanzado o 4 de setembro.[26] O disco chegou ao número 52 da lista Billboard 200, ao 12 na lista Alternative Albums, e ao 3 da Tastemaker Albums. En 2014 Mould publicou Beauty & Ruin e en marzo de 2016 Patch the Sky.
O 25 de outubro de 2018 Mould compartiu unha canción nova, "Sunshine Rock", sacada do seu novo álbum co mesmo nome que sería editado o 8 de febreiro de 2019 por Merge Records
O 3 de xuño de 2020 Mould lanzou a canción "American Crisis", o sinxelo principal do seu derradeiro álbum ata a data, Blue Hearts, publicado o 25 de setembro dese mesmo ano.[27]