Robert James Brown, nado en Oberon, Nova Gales do Sur o 27 de decembro de 1944, é un expolítico, ecoloxista e doutor australiano. Foi senador e líder parlamentario do partido político Verdes Australianos. Brown foi elixido para o Senado de Australia polos Verdes de Tasmania, uníndose á senadora en funcións Dee Margetts dos Verdes de Australia Occidental para formar o primeiro grupo de senadores dos Verdes de Australia despois das eleccións federais de 1996. Foi reelixido nas eleccións de 2001 e 2007. Foi o primeiro membro abertamente homosexual do Parlamento de Australia e o primeiro líder abertamente homosexual dun partido político australiano.
Mentres foi membro do parlamento de Tasmania, Brown fixo campaña con éxito por un grande aumento das áreas salvaxes protexidas. Brown liderou os Verdes Australianos dende a fundación do partido en 1992 até abril de 2012, período no que nas enquisas creceron até o 10% a nivel estatal e federal (13,1% dos votos das primarias en 2010).[1] De 2002 a 2004, período no que os partidos menores mantiveron o equilibrio de poder no Senado, Brown converteuse nun político moi recoñecido. En outubro de 2003 Brown foi obxecto do interese dos medios internacionais cando foi suspendido do parlamento por intervir durante un discurso do presidente dos Estados Unidos George W. Bush.
O 13 de abril de 2012, Brown dimitiu como líder dos Verdes e indicou a súa intención de dimitir do Senado en xuño. Isto ocorreu o 15 de xuño de 2012.[2]
Notas