Os blastómeros son un tipo de células embrionarias animais indiferenciadas resultantes da segmentación do cigoto despois da fecundación. Estas células posúen totipotencia, é dicir, que poden dar orixe a células de calquera tecido.
No ser humano, os blastómeros orixínanse despois da fecundación e divídense por mitose. Dous días despois da fecundación hai 4 blastómeros, e uns 8 ao terceiro día.
Os blastómeros divídense rápida e repetidamente durante os primeiros días da xestación aínda que o tamaño do embrión permanece constante (aumenta o número de células mais non o seu tamaño). Pasados catro días, o ovo fecundado ten máis de 32 blastómeros, recibindo a partir dese momento o nome de mórula.[1]
Posteriormente prodúcese a blastulación, que representa o inicio da diferenciación celular de tal maneira que un grupo de blastómeros se sitúan formando unha envoltura externa denominada trofoblasto, que posteriormente dará orixe á placenta, mentres que outros se agrupan constituíndo a masa celular interna ou embrioblasto que dará orixe ao embrión.