O bilurico de ás negras[2] ou bilurico de alas negras[2] (Tringa ochropus) é unha pequena ave limícola do Vello Mundo. O nome do xénero Tringa é o nome neolatino que lle deu a esta especie Aldrovandus en 1599 baseándose no nome dunha ave, trungas, mencionada por Aristóteles. O nome específico ochropus vén do grego antigookhros, 'ocre', e pous, 'pé'.[3]
O bilurico de ás negras represena unha antiga liñaxe dentro do xénero Tringa; o seu único parente próximo vivo é o T. solitaria. Ambos teñen ás marróns con poucos puntos claros e un delicado pero contrastado debuxo no pescozo e peito. Ademais, ambas as especies aniñan nas árbores, a diferenza doutros escolopácidos.[4]
Esta especie é un limícola algo gordo cun dorso e ás marróns verdosos escuros, cabeza e peito cincentos e no resto do corpo é branco. O dorso está inzado de manchas brancas en variada extensión, sendo máxima no adulto reprodutor, e menor en inverno e nas aves novas. As patas e o curto bico son verdes escuros.
En voo é moi distinguible e cun padrón característico, coas súas ás escuras pola parte superior e inferior e unha rabadilla moi branca. Esta última característica destacable distíngueo da especie moi similar pero máis pequena T. solitaria de Norteamérica.
En voo emite un asubío de tres notas característico.
Distribución e ecoloxía
Reprodúcese ao longo da Europa e Asia subárticas e é unha ave migratoria, invernando no sur de Europa, o subcontinente indio, sueste asiático, e África tropical. En Galicia é unha ave escasa que aparece como ave de paso ou invernante.[5] Aliméntae de pequenos invertebrados que apaña na lama, xa que esta especie inspecciona continuamente arredor das beiras da lagoa elixida.
Non é unha especie gregaria, aínda que ás veces se congregan en pequeno número en lugares axeitados para a súa alimentación. É unha ave de auga doce, e a miúdo pode verse en sitios demasiado restrinxidos para outras limícolas, que tenden a preferir sitios cunha vista ampla xeral.
Pon de 2 a 4 ovos en niños nunha árbore vella que pertenceron a outra especie, como o Turdus pilaris. A posta tarda unhas tres semanas en facer eclosión.
O bilurico de ás negras é unha das especies ás que se aplica o Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-eurasiático (AEWA). Está amplamente distribuído e abunda, polo que a IUCN non o considera unha especie ameazada a escala global.[1]
↑Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.