Grupo irmán (en inglés sister group) é un termo utilizado na sistemáticacladística. En filoxenética dous taxons que forman xuntos un taxon monofilético dise que son, un con respecto ao outro, un grupo irmán.
O termo grupo irmán refírese aos grupos relacionados máis estreitamente nunha árbore filoxenética.[1] A expresión grupo irmán queda máis facilmente ilustrada por un cladograma:
A
B
C
O grupo irmán de A é B e o de B é A. Estes dous grupos en conxunto con todos os seus descendentes que proceden dun último antepasado común, constitúen un clado; o grupo irmán dese clado conxunto é C (pero C non é irmán de A ou de B, senón do clado de A e B en conxunto). A totalidade deste cladograma enraizaríase nunha árbore máis grande, no que se poderían atopar máis grupos irmáns nas diferentes ordes de ramificación. Nos estándares cladísticos A, B e C poden aquí representar especies ou taxons. En caso de que representen especies pode usarse o termo especie irmá (ou igual para outro taxon que se tratase). Tamén se usan taxon irmán ou clado irmán. Pode haber tres grupos irmáns ou máis, a condición de que entre eles haxa un mesmo grao de parentesco.
Malia o dito anteriormente, o termo grupo irmán ten moitas veces un uso relativo. O termo grupo irmán sempre se utiliza en relación ás análises filoxenéticas, e só se aplica aos grupos estudados nunha análise determinada. Un exemplo moi citado é que se comparamos as aves e os crocodilos, as aves serían un grupo irmán actual dos crocodilos.[2][3] Isto só é certo se tratamos só con taxons existentes actualmente. As aves son unha ramificación da liñaxe dos dinosauros, e para chegarmos aos crocodilos teriamos que baixar pola árbore filoxenética e iriamos atopando varias ramificacións ata chegarmos ao antepasado común que teñen cos crocodilos, pero se comparamos "só" a aves e crocodilos, serían grupos irmáns.[4] Por tanto, o termo grupo irmán debe verse como un termo relativo, sempre tendo presente que o grupo irmán é o máis estreitamente relacionado soamente de entre os grupos/especies/espécimes incluídos na análise.[5]
↑Padian, Kevin; Lindberg, David R., Polly, Paul David (1 May 1994). "Cladistics and the Fossil Record: The Uses of History". Annual Review of Earth and Planetary Sciences22 (1): 63–89. doi:10.1146/annurev.ea.22.050194.000431.