Malia ser o billete de maior facial dos de uso ordinario, existiu un aínda maior, o de 100.000 dólares, que se utilizou unicamente para transferencias interbancarias,[2][3] e cuxa posesión por particulares é ilegal.[4]
O billete de 10.000 dólares apareceu por primeira vez na serie papel moeda de curso legal de 1878. Emitiuse novamente nas series de 1914 e de 1918, e logo nas de 1928 e 1934.[1] Inicialmente emitiuse en papel moeda de gran tamaño, coñecido domo Horse Blanket, cunhas medidas de 187 mm por 81 mm, e a partir da serie de 1928 reduciuse o seu tamaño a 156 mm por 66 mm.[5][6]
Orixinalmente emitiuse como un certificado de ouro, mais a Orde executiva 6102 de 1933 limitou a propiedade de moeda de ouro, polo que o billete se redeseñou e volveu emitirse como un billete da Reserva Federal.[1] A Oficina de Gravado e Impresión dos Estados Unidos continuou emitindo os billetes ata 1969, aínda que estes non circularon moito entre a poboación, porque a súa finalidade principal foi a de facilitar as transaccións entre bancos. O 14 de xullo de 1969, o Departamento do Tesouro anunciou que se deixarían de emitir todos os billetes con valores faciais superiores a 100 dólares, e que todos os bancos debían enviar ao Tesouro todos os billetes de 10.000 dólares para a súa destrución, o que provocou que atopar un exemplar fose cada vez máis difícil.[7][8]
Coleccionismo
Esta escaseza levou a que no ámbito do coleccionismo chegasen a pagarse máis de 200.000 dólares por espécimes particularmente escasos e en graos de conservación excelentes.[9]
O empresario de casinos Benny Binion exhibiu un centenar de billetes de 10.000 dólares no seu casino, Binion's Gambling Hall and Hotel. A familia Binion vendeunos en 2016 por cantidades entre 112.500 e 188.000 dólares cada exemplar.[10]
En 2023, un billete de 10.000 dólares de 1934 sen mostras de circulación e certificado pola compañía Paper Money Guarantee (PMG) superou o medio millón de dólares nunha poxanumismática da compañía Heritage Auctions en Texas.[11]