Benjamín Álvarez Fernández, nado na Fonsagrada en 1905 e finado en Lugo en 1979, foi un mestre, procurador e político galego.
Traxectoria
Mestre, exerceu como procurador dos tribunais e secretario xudicial municipal. En 1932 foi un dos organizadores do Comité de Dereitas da Fonsagrada. Ingresou en Falange en abril de 1936, organizou a Falange local da Fonsagrada manténdose no mando ata outubro de 1938, cando foi destinado á xefatura local de Sarria. Participou na guerra civil española combatendo no bando nacional. Foi primeiro tenente de alcalde do concello da Fonsagrada dende decembro de 1936 e Delegado Comarcal de Prensa e Propaganda dende xullo de 1937. Foi nomeado Secretario Provincial de Falange Española Tradicionalista y de las JONS por Ramón Ferreiro Rodríguez. En xuño de 1942 renunciou ao cargo de concelleiro, pero o 28 de outubro o gobernador civil Ramón Ferreiro nomeouno terceiro tenente de alcalde da Fonsagrada, o que lle permitiu ser elixido procurador nas Cortes Españolas representante dos concellos da provincia de Lugo o 1 de novembro de 1942. Permaneceu como procurador durante dúas lexislaturas do período franquista. Xestionou entre os concelleiros da provincia de Lugo unha homenaxe de «reconocimiento y adhesión a nuestro glorioso caudillo y jefe del estado» con motivo da promulgación da Lei de Bases do Réxime Local.[1]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía