Despois da conquista de Santarém, Afonso Henriques preparouse para tomar Lisboa e así consolidar definitivamente non só a liña do río Texo senón tamén a propia independencia do incipiente reino portugués, xa que o dominio do seu fértil val garantíalle a plena autosuficiencia e malograba os plans dos leoneses de volver a anexioar Portugal.
Entre tanto, difundíase pola Estremadura a noticia de que os cristiáns xa cercaban Lisboa, sendo imperativo axudar a defender a toda costa os últimos redutos musulmáns ao norte do río Texo. Sendo así, reuníronse nas proximidades de Sacavém, ao norte do río, para loitar e destruír as forzas de Afonso Henriques cerca de cinco mil musulmáns oriúndos non só de Estremadura (Alenquer, Lisboa e Sacavém), senón tamén do oeste (Óbidios e Torres Vedras) e do Ribatejo (Tomar e Torres Novas), baixo o mando do walí de Sacavém, Bezai Zaide.
Unha batalla, un milagre
Alfonso Henriques dispoñía apenas dunha forza de mil cincocentos guerreiros, e foi nesas condicións como se iniciou a batalla, tendo como escenario Sacavém de Baixo, na marxe do río de Sacavém, entre os actuais montes de Sintra e do Convento, xunto á vella ponte romana, fortemente defendida polos mouros, os cales iniciaran xa o seu ataque, dispostos a derrotar aos portugueses.
A pesar da significativa diferenza numérica entre ambos os contendentes (as forzas do walí estímanse nuns 5 000 soldados), acabarían por vencer os cristiáns; aínda que a maior parte destes últimos perecera, conseguirían matar a tres mil musulmáns a fío de espada, quedando os restantes mouros afogados no río ou sendo feitos prisioneiros.
Esta milagrosa vitoria foi atribuída á divina intervención da Virxe María, que tería feito aparecer durante o combate a moitos homes estraños que pelexaban cos cristiáns.
Como Afonso Henriques contou co apoio dos cruzados para tomar a que sería máis tarde a capital, podemos partir do principio, máis ou menos seguro, de que os homes estraños aos que a fonte lendaria se refire serían cristiáns oriúndos do norte de Europa.
Cóntase que Bezai Zaide, ante o sucedido, converteuse á fe cristiá, sendo o primeiro sancristán da ermida dedicada á Nossa Senhora dos Mártires (así chamada en honra dos cristiáns caídos na batalla), que Afonso Henriques alí mandou erixir pasados poucos días da loita.
Ao mesmo tempo, o rei tamén mandou reconstruír a vella Igrexa de Nossa Senhora dos Prazeres (que quedara en ruínas baixo a ocupación musulmá, a persar de que estes tiñan permitido o culto cristián mediante o pago dun tributo —a yizía- ás autoridades islámicas), facéndoa sé parroquial de Sacavém alterándoa na súa advocación, dedicándoa agora á Nossa Senhora da Vitória (en homenaxe á súa estrondosa vitoria sobre os mouros debido á intercesión da Virxe).
Con todo, non hai probas históricas que corroboren a existencia de facto deste combate; as fontes sobre a conquista (como a coñecida Carta do cruzado Randulfo ao clérigo Osberto de Baldreseia, na cal relata polo miúdo a expugnación da cidade), non fan ningunha alusión a este combate nas marxes do río de Sacavém.
No século XIX, o historiador e político Alexandre Herculano foi o primeiro en citar este feito, na súa coñecida História de Portugal. Hoxe en día, está comunmente considerada como practicamente lendaria, polo menos cos "adornos" con que foi descrita.