Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
A bandeira branca-azul-branca (en ruso: Бело-сине-белый флаг, БСБ) é unha bandeira símbolo das protestas contra a guerra de 2022 en Rusia durante a guerra ruso-ucraína (véxase invasión rusa de Ucraína). Segundo os activistas, a bandeira é "un símbolo das persoas que se unen pola paz e a liberdade".[1]
Aínda que algúns activistas queren ver nas cores a paz, a pureza, a prudencia, verdade ou a xustiza, esas cores tamén se empregaron para simbolizar cousas diversas. A mesma bandeira da Mariña Rusa desde 1991 está composta por un sautor azul sobre branco (a tonalidade do azul variou entre celeste e cobalto) e xa era empregada pola Mariña Rusa do século XIX, coincidindo uns anos coa bandeira idéntica do porto da Coruña, empregada como bandeira galega.[4]
Historia
O primeiro lugar coñecido en usar a bandeira branca-azul-branca foi o sitio web do estado virtual da República de Novgorod, en 2006-2010[5]. A bandeira baseouse na entón bandeira oficial de Veliky Novgorod.[6][7] Unha das institucións de goberno máis importantes da República de Novgorod foi a "Casa de Novgorod", que limitaba os poderes do príncipe en contraste co principado de Vladimir-Suzdal. Segundo o sitio web oficial da bandeira, é "un símbolo da futura 'Rusia Libre', que non parasita símbolos do pasado, libre de asociacións co imperialismo, militarismo e os líderes autoritarios de Rusia"[8].
O 6 de marzo de 2022, a residente de Moscova Anna Dubkova foi detida por un axente de policía por mor da bandeira branco-azul-branca colocada no seu coche. O protocolo sinala que a bandeira é un símbolo de "... protestas contra a guerra espalladas entre as forzas da oposición". O tribunal condenouna a 15 días de prisión segundo o artigo 19.3 do Código de Infraccións Administrativas.[14]
Bandeira de Galiza. Na Idade Media o Reino de Galiza tiña bandeiras brancas e azuis; no XIX adoptou o sautor, coincidindo coa marítima da Coruña, e foi cambiada a pedido de Rusia por coincidir coa da súa Mariña.[15]
Bandeira de Finlandia en 1920. Anteriormente, no século XIX, fora proposta como bandeira nacional finesa unha similar á bandeira galega vixente. A actual bandeira finlandesa oficial é dun azul máis escuro.