Azolla mexicana é unha especie de pteridófita (fentos ou fieitos) da clase das polipodiópsidas, orde das salviniales e familia das salviniáceas, unha das sete comprendidas no xénero Azolla.[1]
É un pequeno fieito acuático flotante orixinario de México e outros países americanos. Posúe, como as demais especies do xénero, unha alga simbionte (unha cianobacteria do xénero Anabaena, A. azollae) que fixa o nitróxeno.
Como outras salviniáceas é unha planta invasora,encontránddose, entre outros lugares, no Xapón e na Gran Bretaña,[3] así como en Dinamarca e Suráfrica.[4]
Taxonomía
Descrición
A especie foi definida en 1824 polo botánico checo Carl Presl,[5] nun traballo publicado en Abh. Königl. Böhm. Ges. Wiss. 5 (3): 150.[6]
Etimoloxía
Para a do xénero, véxase Azolla.
O etíteto específico, mexicana, alude a súa principal área de distribución, México, onde se descibíu a súa especie tipo.
Notas taxonómicas
Anteriormente, ou ás veces aínda hoxe en día, algúns autores consideran o xénero como o único da familia das azoláceas (Azollaceae).[7][8] Pero esta familia non é admitida polo WoRMS,[9] e outras bases de datos e, a maioría dos autores, incluén o seu único xénero na familia das salviniáceas.
Aínda que a maioría dos autores consideran a Presl como o descritor da especie, outros atribúenlla, no mesmo ano, ao botánico alemán Georg Friedrich Kaulfuss, nun traballo publicado en Enum. Fil.: 273.[10] Por outra parte, o IPNI outórgalla a Diederich Franz Leonhard von Schlechtendal e Ludolf Karl Adelbert von Chamisso, ex Kaulf., nun traballo publicado en Linnaea 18 (3): 352 (1845).[11]
Sinónimos
Ademais de polo nome cuñado por Presl, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[4][12]
- Azolla cristata Kaulf.
- Azolla mexicana Kaulf. & Cham. ex C.Presl
- Azolla mexicana Kaulf. & Cham.
- Azolla microphylla Kaulf.
- Azolla portoricensis Spreng.
Características
As principais características de Azolla mexicana son:[1][13][14]
- É unha pequena planta, de 1 a 1,5 cm de lonxitude, dicotomicamente ramificada, con frondes duns 0,7 mm, papilosas, imbricadas. O número de microsporanxios por indusio é descoñecido. Os gloquidios son multiseptados, e as macrósporas (esporas femininas) son foveoladas (tipo de ornamentación, con fovéolas, pequenos ocos na superficie).
- As plantas están prostradas, flotando na superficie da auga. As follas (frondes) teñen até 1 mm de lonxitude, con disposición alterna e a miúdo superpostas, como as tellas, ao longo dos talos ramificados. Cada folla está dividida en 2 lóbulos e dobrada, de xeito que o lóbulo superior está por riba da superficie da auga e o lóbulo inferior está mergullado. O lóbulo superior é algo suculento e afiado na punta, e está cuberto de pelos curtos, mentres que o lóbulo inferior é máis membranoso e arredondado na punta.
- Os talos teñen unha lonxitude de aproximadamente 1,25 cm, e normalmente están ramificados, nas plantas ben desenvolvidas normalmente en forma de abano. Cando son novos som de cor de verde brillante a azul-verdoso, a miúdo volvéndose vermella escura máis tarde, ou con polo menos algunhas follas de cor vermella.
- As plantas poden formaren colonias importantes, ás veces cubrindo un estanque enteiro, e poden formar 'alfombras' de varias capas de até 35 cm de espesor.
- Producen dous tipos de esporas, contidas en esporocarpos, de dous tipos: o microsporocarpo masculino e o macrosporocarpo feminino. Estes esporocarpos desenvólvense en parellas no lóbulo inferior da folla, sendo a parella dun só sexo ou un de cada sexo.
- Os microsporocarpos masculinos son globulares e son moito máis grandes que os macrosporocarpos femininos, e teñen forma ovoidea. Os microsporocarpos conteñen moitas pequenas esporas (micrósporas).
- Os macrosporocarpos conteñen cada un unha espora grande (macróspora), moito máis grande que as micrósporas. A base da megáspora é arredonada, e está escasamente cuberta de pelos longos, e non presentan fosas na supericie.
Hábitat e distribución
Azolla mexicana vive en augas estancadas, charcas, regatos de curso lento e pantanos, desde o nivel do mar até os 200 m de altitude, no Canadá, nos Estados Unidos, México, Mesoamérica, Colombia, Venezuela, Güiana Francesa, Ecuador, o Perú e Bolivia.[1]
Especies relacionadas
Gómez (1978) describiu a relación entre esta especie e unha avespa solitaria e un coleóptero. Este último vive como larva entre as raíces da planta. A avespa busca as larvas como presas, mergullándose e volcando a planta cando hai larvas presentes.[1][15]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- C. van Hove & A. Lejeune (2002): "The Azolla–Anabaena Symbiosis". Biology and Environnment, en Proceedings of The Royal Irish Academy 102B (1): 23–26. (Texto competo en PDF).
- Davidse, G., M. Sousa Sánchez & S. Knapp. (1995): "Psilotaceae a Salviniaceae. 1", en G. Davidse, M. Sousa Sánchez & A. O. Chater, eds. Fl. Mesoamer. Universidad Nacional Autónoma de México, México, D. F.
- Azolla mexicana C. Presl, en Flora of North America. Saint Louis, Missouri: Missouri Botanical Garden, e Cambridge, Massachusetts: Harvard University Herbaria.
- Azolla mexicana C. Presl, en Flora Mesoamericana, Tropicos, 2009.
- FAO: 2010. Azolla pinnata[Ligazón morta]. (en inglés).
- Gleason, Henry A. & Cronquist, Arthur J. (1991): Manual of vascular plants of northeastern United States and adjacent Canada. Bronx, NY, USA: New York Botanical Garden. ISBN 978-0-8932-7365-1.
Outros artigos
Ligazóns externas