Asociación Galega de Compositores

A Asociación Galega de Compositores ou AGC é unha asociación sen ánimo de lucro que integra a compositores e compositoras nados ou residentes en Galiza, e que ten como obxectivo defender os intereses grupais dos compositores galegos ou residentes en Galiza, e aqueles aspectos da cultura musical galega que repercutan no desenvolvemento da súa traxectoria, así como manter a memoria dos compositores históricos de Galiza. Na actualidade conta cunha trintena de asociados.

Historia

A Asociación Galega de Compositores (AGC) naceu na Coruña o 22 de xuño de 1987 por iniciativa de sete compositores (por orde alfabética): Jorge Berdullas del Río, Juan Durán, Carlos López García-Picos, Manuel Mosquera, Xavier de Paz, Paulino Pereiro e Juan Vara.

Durante os anos 2007 e 2008, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación encargou a AGC a elaboración de obras destinadas á docencia musical para diferentes niveis.

O 28 de decembro de 2008, a AGC organizou co patrocinio da Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña un concerto baixo o título "Música Galega sobre poemas galegos" que incluíu composicións para voz e piano sobre textos en lingua galega de poetas de diferentes épocas aos que puxeron música compositores e compositoras da AGC. Esta iniciativa ten continuidade no ano seguinte co ciclo "Música de compositores galegos sobre poemas galegos", tamén patrocinado pola Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da cidade herculina.

Tamén reviste especial interese para a AGC a edición de rexistros sonoros de composicións dos seus aociados. En 1998, co patrocinio do IGAEM e a Fundación Pedro Barrié de la Maza, apareceu un dobre disco compato con obras para piano de distintos autores da AGC interpretado por Antoni Besses e Albert Nieto. En marzo de 2009, con motivo da Mostra do Ensino a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación patrocinou a edición do rexistro sonoro titulado "Perspectivas", que incluíu fragmentos de obras de cámara de membros da AGC procedentes do arquivo sonoro da Radio Galega, institución que sempre mostrou un grande interese polas actividades da Asociación.

Entre todas as actividades levadas a cabo directamente pola AGC, destaca pola súa continuidade e relevancia, a organización dos Ciclos de Cámara. A programación dos mesmos inclúe fundamentalmente obras dos compositores asociados, que de ser o caso completanse con creacións de autores dos século XX ou do nacionalismo galego. Dende 1988 e ata o momento desenvolvéronse XIII Ciclos de Cámara. O último destes ciclos celebrado en febreiro de 2009, adicouse en homenaxe a Carlos López García-Picos, compositor nado en Betanzos en 1922 que desenvolveu a meirande parte da súa carreira compositiva na Arxentina e que o seu retorno marcou o inicio da andaina da AGC, da que foi membro fundador e o seu primeiro presidente.

En 2012 obtivo o Premio da Crítica Galicia no apartado de Música.

Organigrama

No seu organigrama distínguense socios numerarios (compositores e compositoras asociados e membros de pleno dereito), socios protectores (persoas físicas ou institucións que apoian de diferente xeito a actividade da AGC) e socios de honra (persoas físicas ou institucións ás que a AGC distingue pola súa traxectoria). A AGC Está rexida por unha Xunta Directiva, da que só poden formar parte os socios e socias numerarios, elixida democráticamente cada catro anos pola Asemblea Xeral que está integrada por socios numerarios e protectores.

Actividade

Dende a súa fundación, a AGC mantén tres liñas de actuación: procurar a interpretación, gravación e publicación das creacións dos seus membros, así como dos compositores históricos galegos. Paralelamente, a AGC colabora ou participa en actividades organizadas por outras asociacións ou entidades como a súa participación nas III, IV e VI Xornadas de Música Contemporánea celebradas en Santiago de Compostela en 1989, 1990 e 1992 respectivamente, a súa intervención en 2003 na organización do maratón musical "Os músicos coruñeses coa marea negra", ou o seu apoio aos as recentes homenaxes realizadas en 2008 aos compositores Enrique Macías e Manuel Balboa. Por último a iniciativa da AGC realízase en 2005 o Ciclo Arquivo Canuto Berea da Deputación Provincial da Coruña que incluía composicións dos compositores históricos galegos e contemporáneos.

Revistas

No 2002 aparece o boletín informativo Música Hoxe, revista que proporciona información das actividades da AGC e dos seus socios.

Membros

Fundadores

Antigos membros

Cómpre citar, xunto co xa mencionado Carlos López García-Picos, aos xa falecidos:

Véxase tamén

Ligazóns externas