A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) é unha asociación cultural constituída o 28 de maio de 1988 na vila de Melide.[1] A súa finalidade é o estudo, a conservación, o fomento e a divulgación da música tradicional galega.
Historia
Na década de 1970 organizáronse na vila de Ortigueira unha serie de reunións, entre gaiteiros e artesáns, co fin de unificar criterios dentro do seu sector profesional. Nestas xuntanzas debatíase desde os prezos a estipular por actuación, en alboradas e romarías, até a estandarización das pezas das gaitas. Movíaos tamén o desexo de que os gaiteiros, moi desprestixiados durante o período franquista, volvesen a ocupar un lugar de importancia na sociedade galega, como tiña sido nos anos vinte e trinta do século XX.[2]
Andando o tempo, estas reunións pasaron a realizarse na vila de Melide. Alí, baixo a presidencia de Ricardo Portela, foron elaborados uns estatutos para a creación dunha organización formal. Dou comezo daquela un traballo de implantación por todo o país que desembocou na constitución da nova asociación o 28 de maio de 1988. A primeira asemblea de socios tivo lugar en Compostela, o 26 de febreiro de 1989. Dela saíu unha directiva presidida por Xosé Vicente Ferreirós, pasando Portela a ocupar a presidencia de honra de xeito vitalicio.[3]
Guerra das gaitas
Ferreirós permaneceu no cargo até o 1993, momento no que foi substituído polo ferrolán Santiago Caneiro.[4] Durante esta década de 1990 a asociación viuse envolta nunha polémica coñecida como "a guerra das gaitas"[5]. O conflito veu motivado pola introdución en Galiza, con financiamento público, dun novo tipo de banda de gaitas de inspiración escocesa. A AGG opúxose a estas modificacións, entendendo que as mudanzas supuñan unha deturpación da tradición galega e mesmo unha ameaza para a súa continuidade. Esta confrontación marcou a actividade da asociación nos anos noventa. Finalmente, debido á redución das subvencións públicas,[6] o fenómeno das bandas de modelo escocés foi esmorecendo[7], pasando o número destas agrupacións de arredor de 150 nos anos 1993-94 a só unhas 20 no 2015.[8]
Durante estes anos de conflito a AGG continuou reforzándose. Aumentou o seu número de asociados e multiplicou a cantidade e calidade das súas actividades: Creou un portal web, comezou unha participación regular en emisións radiofónicas, editou revistas, discos, participou en mostras de instrumentos, xornadas etc. A directiva da organización mudou tamén, para dar cabida a xente procedente do sector baile tradicional.
Actualidade
Na primeira década do século XXI a asociación puxo a andar dous dos seus proxectos estrela: En novembro de 2008, iniciou a súa actividade en Lugo a Tradescola, unha escola presencial de música e baile tradicional onde se imparten clases semanais, cursos monográficos e outras actividades vencelladas á cultura tradicional;[9] E a Casa da Gaita, o primeiro museo dedicado integramente á gaita de fol. Está situado en Viascón (Cotobade), lugar de nacemento de Ricardo Portela. Nela inclúese unha exposición de instrumentos cedidos por diferentes artesáns da AGG.[10]
No ano 2015 produciuse outra mudanza na presidencia da asociación pasando a ocupala o luthier de Outeiro de Rei, Xaneco Tubío.