As dúas irmás eran uns populares personaxes da cidade polo feito de levar a cabo os seus paseos cotiás pola zona vella, durante as décadas de 1950 ata finais de 1970, vestidas e maquilladas dun xeito estrafalario. Estes paseos, que tiñan lugar ás dúas en punto do medio día (de aí un dos seus alcumes), eran todo un acontecemento polo contraste que supuñan co gris ambiente que reinaba durante o franquismo.
Traxectoria
Familia
A familia Fandiño Ricart estaba formada pola costureira Consuelo Ricart e o zapateiro Arturo Fandiño,[5] que tiveron trece fillos, dos que once superaron a infancia. Maruxa foi a cuarta filla e Coralia a duodécima.[1] Outra irmá chamábase Sarita e faleceu nova.[6] Rosaura era a máis nova dos trece irmáns.[6]
A familia vivía na rúa do Espírito Santo e o taller de zapataría situábase na rúa da Algalia de Arriba, n.º 32.[6]
En 1925, a CNT (Confederación Nacional do Traballo), de ideoloxía anarquista, abriu a súa sede rexional en Compostela. Aos quince anos de idade, o combativo Manuel Fandiño Ricart, pintor de profesión, converteuse no seu secretario xeral.[5] Outros dous irmáns, Alfonso e Antonio tamén se fixeron militantes do movemento anarquista.[6]
En Compostela vivíase un clima de animación e esperanza. As irmás Fandiño (Maruxa, Coralia e Sarita) paseaban polas rúas vestidas con roupas feitas na casa, con teas de cores rechamantes e ledos. Os estudantes galeguistas republicanos chamáronas «Liberdade, Igualdade e Fraternidade», e os estudantes católicos da CEDA (Confederación Española de Dereitas Autónomas), «Fe, Esperanza e Caridade».[5]
Manolo Fandiño mantívose agochado ata 1945.[7] Antonio, sindicado como «anarcosindicalista»,[6] fuxiu ao monte Pedroso e finalmente foi descuberto, torturado e encarcerado durante vinte anos polos franquistas.[1] O terceiro irmán, Alfonso, fuxiu poucos días despois do golpe nun barco que saíu do porto de Muros.
Para dar con estes irmáns fuxidos, os falanxistas trataron de empregar a familia. Crese que a Policía Socialtorturou a Coralia e a Maruxa, e segundo Henrique Rivadulla, hai xente que afirma que unha das irmás foi violada no monte Pedroso.[7] Tempo despois, Alfonso, que fuxira no barco, apareceu de novo militando na clandestinidade na Coruña,[7] e finalmente foi encarcerado no penal de Santoña.[6] Morreu na cidade da Coruña o 17 de setembro de 1991 aos 83 anos e está soterrado no cemiterio de Santo Amaro. Cando os irmáns fuxidos foron arrestados cesou a presión sobre as irmás.[7]
Non está claro se elas pertenceran ao movemento anarquista, pero si se cre que a súa ideoloxía era de esquerdas. O xornalista Raimundo García Domínguez, Borobó, mantivo que eran membros da CNT, coma os seus irmáns, e que mesmo levaran a cabo tarefas de enlace con sindicalistas fuxidos.
Despois da guerra
A comezos da década de 1950, Antonio Fandiño foi liberado moi enfermo tras vinte anos de prisión, e faleceu na casa das súas irmás a causa dos malos tratos durante o cativerio.[7] Elas foron tratadas de "roxas" e de "putas". As dúas irmás caeron na pobreza logo de que os veciños da cidade deixaran de facer pedidos ao taller de costura que rexentaban, para que a policía non os vinculase a elas. Malia este medo, a veciñanza compostelá sentía en xeral simpatía cara a elas, e cando logo da guerra pasaron a vivir da caridade, quen quería axudalas non lles daba a esmola directamente, senón que mercaban cousas para elas nos comercios da cidade, especialmente nos ultramarinosCarro, situado na praza do Toural, onde o dono Tito Carro llelos daba coma se fosen promocións e non caridade.[7] Así mesmo, segundo conta Fermín Bescansa, nunha ocasión unha treboada estragou o teito da súa vivenda e organizouse unha colecta que xuntou 250 000 pesetas, o valor dun piso da época.
Sempre escuálidas, vestíronse de luz e de cor, cheas de maquillaxe coma nunha representación de máscaras: po de arroz, colorete e carmín. Cada día, ao mesmo tempo, marcadas pola campá Berenguela da catedral, no verán ían pola rúa do Espírito Santo ata a praza do Toural e no inverno polas arcadas da rúa do Vilar. Cando algún estudante, cunha galantería burlona, se achegaba a elas, con forza e dignidade rexeitábanos dicindo «¡Tú ya tienes!» ("Ti xa tes!").[5]
Maruxa faleceu en Compostela aos 82 anos e Coralia foi vivir con outra irmá á Coruña,[3] cidade á que nunca se adaptou. Morreu dous anos máis tarde aos 68 anos, despois de preguntar moitas veces cal era o camiño para volver a Compostela.[8]
Ata 2014, ambas as irmás se atopaban soterradas en tumbas separadas e afastadas no cemiterio de Boisaca:[3] Maruxa na tumba número 991, con tres dos seus irmáns e a súa nai, e Coralia, na tumba 3196, co seu pai. En maio de 2014, por mor da degradación das sepulturas, a asociación Ateneo de Santiago realizou unha colecta popular[9] que reuniu fondos para rehabilitar o sepulcro, instalar os seus restos mortais xuntos, como elas querían, e colocar unha placa na súa lembranza.[10][11]
Co paso dos anos, a historia das dúas irmás Fandiño foi caendo no esquecemento, ata que o veciño César Lombera conseguiu convencer no 1994 ao entón alcaldeXerardo Estévez, logo de nove anos propoñéndollo ao Concello, para que instalase unha escultura na súa lembranza. Esta, realizada polo propio César Lombera, consistiu nunha reprodución realista e policromada das dúas mulleres durante os seus famosos paseos baseada na foto máis coñecida de ámbalas dúas irmás, con Maruxa á dereita, co brazo estendido, e Coralia sostendo un paraugas. A obra foi situada na Alameda, lugar onde a día de hoxe permanece.[4]
Dende entón, a escultura é unha das máis coñecidas da cidade, tanto pola curiosidade que esperta entre os turistas coma por servir de punto de encontro para os composteláns. Con frecuencia fíxase coma lugar de saída de manifestacións.[Cómpre referencia]
O 18 de xullo de 2017 e 2018 houbo homenaxes públicas promovidas pola libraría Lila de Lilith.[15]
Música
A historia das dúas irmás serviu tamén como inspiración no ámbito da composición musical, contando estas cunha peza que leva por nome "As dúas en punto (a hora da rebeldía)". Dita composición, escrita por Lois Pimentel Iglesias, foi estreada en abril de 2018 pola Banda de Música de Pontevedra e foi premiada pola súa calidade pola Federación Galega de Bandas de Música Populares.
Ensaio
Áurea Sánchez publicou o libro Las Marías de Santiago de Compostela. Representación de la identidad femenina en los medios de comunicación, de 194 páxinas. Este ensaio comprende un traballo de investigación na especialidade de Estudos de Mulleres, Feministas e de Xénero que a propia xornalista realizou na Universidade Xaime I de Castelló como parte do mestrado en Igualdade e Xénero no Ámbito Público e Privado.[16][17]
↑«La verdad de “Las Marías”», artigo de María Fábregas (Santiago de Compostela) en El País (Madrid), 17 de abril de 2008. Consultado o 2 de xullo de 2013
↑Ficha bibliográfica do libro Las Marías de Santiago de Compostela. Representación de la identidad femenina en los medios de comunicación. Consultado o 2 de xullo de 2013