A arquitectura neoandina (en aimará: Machaqa-Anti; en quechua: Musuq Antikunakaq) é un movemento arquitectónico contemporáneo principalmente situado en El Alto, Bolivia,[1][2] expresado nos numerosos cholets da cidade (termo orixinado pola combinación das palabras "cholo" e chalé)[3], así como en mansións pequenas e salóns de baile.[4] O arquitecto boliviano Freddy Mamani foi descrito como "o arquitecto máis coñecido" da arquitectura neoandina. Mamani é un enxeñeiro civil que comezou como simple traballador hai dúas décadas e construíu máis de 60 estruturas neoandinas no Alto dende 2005.[2][5][6][7]
A historiadora da arquitectura Elisabetta Andreoli describiu o estilo, representado en máis de 100 estruturas ao longo do horizonte de El Alto, como neoandino. Paola Flores sinalou que "a maioría [das estruturas neoandinas] foron construídas dende que o presidenteEvo Morales, un aimará que foi o primeiro líder indíxena do país, asumiu o cargo en 2006. A súa aparición coincide cun modesto pulo económico unido a un aumento do orgullo aimará.[6]
O termo utilizouse por primeira vez nunha revista de arquitectura para facer referencia ao estilo do edificio da embaixada dos Estados Unidos en Lima, no Perú por Arquitectonica en 1996, e foi descrito como unha inspiración "bastante literal" na historia peruana, modelando a base do edificio sobre as estruturas das antigas cidades de Cuzco e Machu Picchu."[8]
É unha construción coas características dun edificio de 3 a 7 niveis destinados a usos comerciais ou vivendas e na última planta é construído un chalé. O cholet é xeralmente habitado polo propietario do inmoble.
Acollida
En xeral, a arquitectura neoandina foi recibida con eloxios dos residentes en El Alto. Paola Flores sinala que os Alteños, ou veciños do Alto, "están en xeral satisfeitos coa súa contribución á arquitectura moderna", sinalando un veciño que afirmou "'Para min, é como un berro que di: "Aquí estamos! Isto é o que somos!" e outro que remarcou "Son unha muller aimara, orgullosa da miña cultura, feliz e chea de cor. Entón, por que a miña casa non debería mostrar o que son?".[6] Os edificios apareceron en Héroes del Brillo de Frederico Estol, unha colección de fotografía sobre os milleiros de limpabotas da Paz e El Alto.[9]
Os edificios foron descritos como "futurista" e "funky" por persoas alleas á cultura andina.[10][11] En particular, varios fixeron comparacións co lendario artista de banda deseñada Jack Kirby, e moitos chegaron á conclusión de que Kirby, tamén influenciado pola arquitectura e os patróns de América do Sur, e Mamani tiran das mesmas influencias.
Galería de imaxes
Cholet, o elemento característico da arquitectura neoandina.