En 1955, Dzhigarkhanyan foi admitido no Teatro académico estatal Sundukyan de Iereván. Estudou co director Armen Gulakyan até 1958.[3] Antes de acabar o seu primeiro ano de formación académica xa comezou a actuar no Teatro ruso Stanislavski de Iereván, onde traballou durante dez anos, até 1967.[4][5] No único teatro ruso de Armenia, interpretou máis de 30 papeis, entre os que destaca o de Vanya Kudryash en Гроза (A Tormenta) de Alexander Ostrovsky, así como tamén en obras de Aleksei Arbuzov e На дне (Na dne) de Maxim Gorky.[5] Dende o comezo da súa traxectoria no teatro, Dzhigarkhanyan demostrou unha versatilidade abraiante, triunfando cunha gran variedade de personaxes diferentes, tanto no repertorio clásico coma no contemporáneo, incluíndo Shakespeare, Tennessee Williams e autores rusos modernos.[3]
En 1967, trasladouse a Moscova para continuar a súa carreira no teatro Lenkom.[3] Comezou actuando baixo as ordes do director Anatoly Efros, aínda que traballaron xuntos durante pouco tempo. Dzhigarkhanyan interpretou a Molière na obra de Mikhail BulgakovКабала святош (Kabala svyatosh. Trala marcha de Efros, Dzhigarkhanyan recibiu máis papeis, mais non quixo continuar actuando no teatro sen o director polo que veu en primeiro lugar.[5]
Dzhigarkhanyan fixo de Sócrates na obra Беседы с Сократом (Conversacións con Sócrates) de Edvard Radzinsky en 1975, papel polo que foi enxalzado polos críticos. Durante as décadas de 1970 e 1980, Dzhigarkhanyan apareceu de xeito menos frecuente no teatro en favor do cinema, acadando amplo recoñecemento no público soviético. Aínda cun número de aparicións teatrais minguante, seguiu sendo obxecto de debate. Os mellores papeis deste período son de Big Daddy en Cat on a Hot Tin Roof de Tennessee Williams e Lord Bothwell en Vivat! Vivat Regina! de Robert Bolt.[5]
A mediados da década de 1990, Dzhigarkhanyan decidiu crear un teatro de seu que unificase aos seus estudantes no VGIK. En marzo de 1996, fundou o seu teatro chamado "D"[3] (na actualidade chamado Московский драматический театр под руководством Армена Джигарханяна "Teatro dramático de Moscova dirixido por Armen Dzhigarkhanyan"). O seu teatro levou a cabo numerosas obras famosas como Krapp's Last Tape de Samuel Beckett e The Homecoming de Harold Pinter.[5]
Dzhigarkhanyan fixo o seu debut no cinema en 1960 co filme Obval como Akop. "Abraiou aos espectadores coa súa interpretación do físico Artyom Manvelyan" no filme de Frunze DovlatyanԲարև, ես եմ (Barev, yes em, 1966). "Deulle renome a nivel nacional e foi o comezo dunha prolífica traxectoria como actor". Usta Mukuch, o personaxe que creou para o filme Треугольник (Yerankyuni, 1967), dirixido polo afamado director armenio Henrik Malyan, abriu o camiño a ducias de filmes en décadas posteriores.[5]
Seguiu participando en filmes icónicos, entre os que se inclúen o filme de Edmond KeosayanНовые приключения неуловимых (Novye prikluchenya Neulovimykh, 1968), no que interpretaba ao capitán Ovechkin, e o filme Корона Российской империи, или Снова неуловимые (Korona Rossiyskoy Imperii, ili Snova Neulovimye, 1971). En 1973, a comedia Мужчины, tamén de Edmond Keosayan, converteuse nun dos filmes armenios máis icónicos e hoxe en día hai unha estatua lembrando os personaxes protagonistas no centro de Iereván.[7] A comezos da década de 1970, Dzhigarkhanyan xa se convertera nun dos actores máis populares nos filmes soviéticos e apareceu en máis de 200 producións, e abranguindo tódolos xéneros: comedia, aventura, drama, adaptacións literarias... Tamén foi actor protagonista do filme franco-soviéticoТегеран 43 (Teherán 43, 1981).[4]
↑Chorekchyan, Khachatur (2005). "Армену Джигарханяну 70 лет". Russkaya Amerika(en ruso). Archived from the original on 07 de abril de 2014. Consultado o 1 de setembro de 2018.