Armed and Dangerous é un videoxogo creado por Planet Moon Studios en colaboración con LucasArts para Xbox e PC. É un xogo de disparos que combina a acción e a aventura e que parodia outros xogos e tamén películas e series usando un diálogo cheo de humor e sarcasmo.
Estamos nun país de nome Milola rexido por un rei malvado, Forges, que mantén aterrorizada a poboación. Unha antiga lenda do país fala dunha reliquia, o Libro da Dominación, que posúe un poder inimaxinable e que relata a caída do rei a mans dunha banda de protectores, os Lionhearts (corazóns de león) formado por catro pintorescos membros. O xogador move a Roman, o protagonista principal desta banda e o experto en armas. En total o xogo consta de 21 misións en 5 escenarios.