A conversión ao catolicismo dos reis suevos, que se produciu probablemente ao redor do ano 550 —durante o reinado de Teodomiro—, foi obra de Martín de Braga e supuxo o paso definitivo para a integración entre os suevos e a aristocraciagalaicorromana, consolidando así plenamente a monarquía.[1]
Baixo a supervisión de Martiño, que xa ocupaba a sede metropolitana de Braga, foi transformada a organización eclesiástica tradicional herdada do baixo Imperio Romano coa división do reino en 13 dioceses —algunhas delas novas—, á súa vez agrupadas en dous grandes distritos ou «provincias eclesiásticas»: unha meridional, cuxa sede metropolitana sería Braga, e outra setentrional, con Lugo como nova sede metropolitana.[2]
Na consecución dos obxectivos de Martiño de Dumio foi fundamental o Primeiro Concilio de Braga celebrado en maio do 561 baixo os auspicios do rei Ariamiro no que se trataron a cuestión priscilianista e os problemas internos da Igrexa. A este seguiríalle un segundo concilio, celebrado tamén en Braga durante o reinado do rei Miro (570-583), fillo de Teodomiro (561-570), no que se completou a creación da Igrexa «nacional» sueva.[3]
García Moreno, Luis A. (1982). "Las invasiones y la época visigoda. Reinos y condados cristianos". En Juan José Sayas; Luis A. García Moreno. Romanismo y Germanismo. El despertar de los pueblos hispánicos (siglos IV-X). Vol. II de la Historia de España, dirigida por Manuel Tuñón de Lara. Barcelona: Labor. ISBN84-335-9422-2.