Ardón (ou Ardonus, posiblemente abreviatura de Ardabastus) foi o derradeiro rei dos visigodos en Hispania que, segundo algunhas fontes, reinou na Septimania entre 713 e 720.
Contexto histórico
A Chronica regum Visigothorum rexistra os nomes dos reis visigodos e os anos do seu reinado. Despois da entronización de Ervixio, as diferentes versións das Crónica, difiren en canto á continuación dos seguintes reis. A Continuatio codicis C Parisini, que consiste nun manuscrito do século XII, non menciona a Rodrigo e indica que Vitiza sucedeu a Akhila II e que despois de tres anos sucederáo Ardán. Tampouco na Crónica Mozárabe nin nas crónicas asturianas posteriores, a Crónica Albeldense e a Crónica de Afonso III, hai ningunha mención a Akhila II nin a Ardón, nin nas crónicas árabes.
Sucede que as crónicas escritas na área de influencia e control de Akhila II -Narbonense e Tarraconense, segundo a distribución das moedas acuñadas no seu nome- ignoraron a existencia de Rodrigo, até despois de mediados do século XIII cando foron traducidos os traballos do bispo Rodrigo Ximénez de Rada. Segundo isto, despois do desastre do exército visigótico do rei Rodrigo, e a morte do propio monarca na batalla de Guadalete, os musulmáns emprenderon a conquista do reino visigótico. O final do reinado de Akhila II foi coetáneo coas vitorias musulmás no val do Ebro e en Zaragoza, de xeito que pode deducirse que a súa morte, no 713, foi coma consecuencia da loita contra os novos conquistadores na que despois da conquista de Narbona, pretendeu defender o resto do territorio, sen éxito.
Reinado de Ardón
Despois da súa morte de Akhila II, Ardón, foi elixido rei, séndolle atribuído pola crónica un reinado de sete anos, dende o 713 até o 721. No 716, os musulmáns comandados polo valí Al-Hurr ibn Abd al-Rahman al-Thaqafi, cruzaron os Pireneos e invadiron a Narbonense polo que Ardón houbo defender a derradeira provincia do reino visigodo. A campaña foi continuada polo seu sucesor Al-Samh ibn Malik al-Khawlani, o cal finalmente completou a conquista do territorio no 720. Ardón finou no 721, presumiblemente, loitando contra os invasores.
A desaparición total do reino visigodo, produciuse cinco anos máis tarde, coa toma de Carcasona e, pouco despois, de todo o territorio até Nimes.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Collins, Roger (1989). The Arab Conquest of Spain 710-797 (en inglés). Oxford: Blackwell Publishing. ISBN 0-631-15923-1.
- Collins, Roger (2005). La España visigoda 474–711 (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 9788484326366.
- García Moreno, Luis A. (1992). Real Academia de la Historia, ed. "Los últimos tiempos del reino visigodo". Boletín de la Real Academia de la Historia (en castelán) (Madrid). CLXXXIX (3): 425–460. ISSN 0034-0626.
- Hernández Juberías, Julia (1996). La península imaginaria: Mitos y leyendas sobre Al-Andalus (en castelán). Madrid: CSIC-Dpto. de Publicaciones. ISBN 9788400076177.
- Huete Fudio, Mario (1994). Sociedad Española de Estudios Medievales, ed. "Fuentes menores para el estudio de la historiografía latina de la Alta Edad Media hispánica (siglos VII-X)". Medievalismo. Boletín de la Sociedad Española de Estudios Medievales (Universidade de Murcia) (en castelán) (Murcia) 4 (11): 5–26. ISSN 1131-8155. doi:10.6018/medievalismo.
- Isla Frez, Amancio (2010). Ejército, Sociedad y Política en la Península Ibérica Entre Los Siglos VII y XI (en castelán). Madrid: CSIC-Dpto. de Publicaciones. ISBN 9788497815741.
- Rábade Obradó, María del Pilar; Ramírez Vaquero, Eloísa; Utrilla Utrilla, Juan F. (2005). La Dinámica Política (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 9788470904332.
- Sayas Abengochea, Juan José; Abad Varela, Manuel (2013). Historia Antigua de la Península Ibérica: Época Tardoimperial y Visigoda (en castelán) II. Madrid: UNED. ISBN 9788436265347.
- Thompson, E. A. (1969). The Goths in Spain (en inglés). Oxford: Clarendon Press.
- VV.AA. (1998). Diccionari d'Història de Catalunya (en catalán). Barcelona: Edicións 62. ISBN 84-297-3521-6.
Outros artigos
Ligazóns externas