Capella media (Latham, 1787) Gallinago major Scolopax media Latham, 1787
A arceúcha real,[2] tamén chamada becacina real[3] (Gallinago media) é unha pequena ave limícola robusta do xénero Gallinago. O hábitat reprodutor desta ave son marismas e pradeiras húmidas con vexetación curta do nodeste de Europa, incluíndo o noroeste de Rusia ; en Galicia é unha ave accidental rara. Son aves migratorias, que paan o inverno en África. A poboación reprodutora europea está en forte declive.
Taxonomía
A especie foi descrita polo naturalista inglés John Latham en 1787 co nome Scolopax media.[4][5][6] O nome do xénero actual Gallinago é unha palabra neolatina que significa arcea ou becada, do latíngallina, 'galiña' e o sufixo -ago, 'que lembra a'. O nome específico media significa en latín 'intermedia', porque esta especie é intermedia en tamaño entre a arcea da fraga (Scolopax rusticola) e a arceúcha das brañas (Gallinago gallinago).[7]
Descrición
Os adultos cos seus 26 a 30 cm de lonxitude e 42 a 50 cm de envergadura alar son só lixeiramente máis grandes, pero moito máis voluminosos, que a arceúcha das brañas e teñen un bico máis curto. O corpo ten manchas marróns pola parte superior e está barrado pola inferior. Teñen unha liña negra que cruza o ollo. As ás son anchas e en voo pode verse unha barra clara na á.
Á voz desta ave descríbese como un feble ie. As chamadas durante as exhibicións de apareamento que fan os grupos poden sentirse a longas distancias (a máis de 300 m) e inclúen unha serie de chíos que se elevan e baixan e ruídos de clics que aceleran.
Comportamento e ecoloxía
estas aves son coñecidas pola súa gran capacidade de voar rápido e sen parar a grandes distancias.[8] Poden voar a unha velocidade de 97 km/h, con pouca axuda das correntes de vento. Rexistráronse casos de individuos que voaron sen parar durante 84 horas cubrindo unha distancia de 6 760 km. Porén, as súas ás non son especialmente aerodinámicas; carecen de extremos agudos. Normalmente non paran para comer aínda tendo boas oportunidades, senón que se alimentan da súa graxa almacenada.[8]
Ao lusco fusco durante a estación reprodutora, os machos exhíbense nun lek, permnecendo ergueitos co peito inflado e cola despregada en abano. Poden choutar, e producen diversos sons de repenico, clics, sons rumbantes e asubíos durante a exhibición. Poñen tres ou catro ovos nun niño no chan ben agochado.
Buscan alimento no barro mol, sondando ou apañando co bico os alimentos que ven. Comen principalmente insectos e miñocas e ocasionalmente materia vexetal. Son difíciles de ver, porque están ben camuflados no seu hábitat. Cando escapan para agocharse, voan en liña recta durane unha considerable distancia antes de baixar e meterse entre a vexetación.
Fósiles
Descubríronse fósiles de bcacina real en Carolina do Norte, cunha antigüidade de 4,465 Ma ±0,865M. Isto suxire que a ave debeu noutrora resituarse ao outro lado do Atlántico.[9]
Status
En 2012, estimouse unha poboación de 15 000 a 40 000 indiiduos en Escandinavia e entre 450 000 e 1 000 000 no oeste de Siberia e noroeste de Europa. A especie está experimentando un declive, debido principalmente á perda de hábitat, e tamén pola caza que sofre no leste de Europa e nas súas zonas de invernada africanas. A especie está clasificada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) como "case ameazada".[1] É unha das especies ás que se lle aplica o Acordo para a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias africano-eurasiático (AEWA).[10]
↑Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
↑"Agreement Text and Annexes"(PDF). Agreement on the Conservation of African - Eurasian Migratory Waterbirds (AEWA). November 2015. Consultado o 25 June 2016.