Aorico (en latín: Aoricus) foi un xefe e caudillo (en gótico: kindins, e que se adoita traducir como xuíz) dos godos tervingos, durante o século IV. Era fillo do xefe Ariarico, e pai de Atanarico, e de Rocestes.
Traxectoria
No ano 332, segundo os termos do foedus establecido entre seu pai e o emperador romano Constantino o Grande (r. 306–337), os tervingos tiñan que pagar un tributo e proporcionar un continxente de guerreiros ao imperio romano. Para asegura-la paz, Ariarico, tamén había entregar a seu fillo Aorico como refén para ser educado en Constantinopla. Resulta probable que unha estatua que existía na antecámara da curia de Constantinopla, estivese erixida na súa honra para manifesta-la súa obediencia aos romanos.
Na década de 340, estalou o conflito entre os romanos e os tervingos. Estes, aproveitando a conxelación do Danubio, atravesárono e logo invadiron Moesia. Este conflito puido estar motivado pola persecución dos cristiáns dirixida por Aorico no 347/348. Segundo comentou Auxentius de Durostorum, eran vistos, non só como unha ameaza para a relixión tradicional, senón tamén como unha ameaza de apoio aos romanos. Finalmente, como o emperador Constancio II estaba en guerra cos persas, polo 350 asinouse un novo acordo cos tervingos no que Aorico recoñeceu a Constancio II como un thiudans (rei, en gótico).
Aínda que a data da súa morte é descoñecida, si que se sabe que xa morrera cando, no 369, seu fillo Atanarico fora recoñecido como novo líder dos tervingos polos romanos.
Como observou Herwig Wolfram, "a aliteración, variación e ritmo na liña de nomes Atanarico, Aorico e Ariarico aseméllase ao "tipo idea" de Hadubrando, Hildebrando e Heribando. Considerou que as semellanzas e a comparacións entre eses nomes suxiren que os tres xefes habían ser da dinastía dos Baltos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Garcia Moreno, Luis A. (2007). "Prosopography and Onomastics: the Case of the Goths". En Keats-Rohan, K. S. B. Prosopography Approaches and Applications: A Handbook (en inglés). Linacre College, Universidade de Oxford: Unit for Prosoprographical Reseach. pp. 337–350. ISBN 1900934124.
- Geary, Patrick J. (2003). The Myth of Nations: The Medieval Origins of Europe (en inglés). Princeton, NJ: Princeton University Press. ISBN 9780691114811.
- Heather, Peter (1999). The Visigoths from the Migration Period to the Seventh Century (en inglés). Woodbridge, Suffolk: Boydell & Brewer. ISBN 0-85115-762-9.
- Heather, Peter (2018). Emperadores y bárbaros (en castelán). Barcelona: Editorial Crítica. ISBN 978-84-17067-78-6.
- Hinds, Kathryn (2009). Goths (en inglés). Singapur: Marshall Cavendish. ISBN 9780761445166.
- Wolfram, Herwig (1990). History of the Goths (en inglés). Berkeley, Londres e Os Ánxeles: University of California Press. ISBN 9780520069831.
Outros artigos