Antonio Piñeiro Sánchez, nado en Mugardos en 1960, é un militar galego da Armada, que na actualidade e desde 2023 é xefe de Estado Maior da Armada, con rango de almirante xeneral.
Traxectoria
Piñeiro ingresou na Escola Naval Militar de Ferrol en 1979, e dela saíu cinco anos máis tarde, en 1984, co diploma de alférez de navío en 1984. É especialista en Comunicacións, Guerra Naval e graduado no Colexio de Defensa da OTAN (NADEFCOL).[1]
Durante a súa carreira militar, estivo destinado en misións internacionais como a Guerra do Golfo e a operación Active Endeavour do Mediterráneo, así como en agrupacións permanentes navais da OTAN.[2] Entre os mandos que exerceu están o patrulleiro Laya (P-12), o remolcador oceánico Mahón (A-51), a fragata Álvaro de Bazán e o portaaeronaves Juan Carlos I.[2]
Tamén estivo destinado na Escola Superior das Forzas Armadas (ESFAS), na Dirección de Ensino Naval e na Sección de Intelixencia do Estado Maior da Armada, da que foi xefe.[2]
A partir de 2015, xa como contraalmirante, entrou no núcleo de decisión das Forzas Armadas.[3] Primeiro, entre outubro de 2015 e setembro de 2018 foi asistente de operacións no Mando de Operacións (MOPS) do Estado Maior da Defensa. En setembro de 2018 foi promovido a vicealmirante[4] e elixido para ocupar o cargo de director de Persoal da Armada até outubro de 2021, cando o ascenderon ao cargo de almirante e lle confiaron a Xefatura de Persoal da Armada.[5]
O 25 de abril de 2023 o Consello de Ministros nomeouno xefe de Estado Maior da Armada, o principal mando da Armada española, con grao de almirante xeral[6][7], en substitución do vasco Antonio Martorell, que finara unhas semanas antes.
Como xefe de Estado Maior
Nomeou en xuño de 2023 e destituíu tres meses despois, aducindo motivos persoais, o capitán de fragata ourensán Carlos Miguel Abadín[8], que estaba ao mando da fragata Cristóbal Colón.
Referencias
- ↑ "Robles nombra nuevo Almirante Jefe de Estado Mayor de la Armada a Antonio Piñeiro Sánchez" (en castelán). 2023-04-25. Consultado o 2023-04-26.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "El almirante Antonio Piñeiro Sánchez, hasta ahora jefe de Personal, será el nuevo jefe de la Armada" (en castelán). 2023-04-25. Consultado o 2023-04-26.
- ↑ Ministerio de Defensa (3 de octubre de 2015). "Real Decreto 885/2015, de 2 de octubre, por el que se promueve al empleo de Contralmirante del Cuerpo General de la Armada, al Capitán de Navío don Antonio Piñeiro Sánchez.". Consultado o 26 de abril de 2023.
- ↑ Ministerio de Defensa (22 de septiembre de 2018). "Real Decreto 1198/2018, de 21 de septiembre, por el que se promueve al empleo de Vicealmirante del Cuerpo General de la Armada al Contralmirante don Antonio Piñeiro Sánchez.". Consultado o 26 de abril de 2023.
- ↑ InfoDefensa, Revista Defensa. "El almirante Antonio Piñeiro, nuevo jefe de Personal de la Armada" (en castelán). Consultado o 2023-04-26.
- ↑ Ministerio de Defensa (26 de abril de 2023). "Real Decreto 320/2023, de 25 de abril, por el que se nombra Jefe de Estado Mayor de la Armada al Almirante del Cuerpo General de la Armada don Antonio Piñeiro Sánchez.". Consultado o 26 de abril de 2023.
- ↑ EFE, Agencia (2023-04-25). "El almirante Antonio Piñeiro, nuevo Jefe de Estado Mayor de la Armada" (en castelán). Consultado o 2023-04-26.
- ↑ Bañuelos, Javier (2023-09-15). "Defensa cesa al comandante de la fragata más potente de la Armada solo tres meses después de su nombramiento". cadena SER (en castelán). Consultado o 2023-09-17.