Antonio Jacobo Casares Rodríguez, nado en Monforte de Lemos o 28 de abril de 1812 e finado en Santiago de Compostela o 12 de abril de 1888, foi un químico galego.
Traxectoria
Seu pai fora o boticario do convento dos xesuítas e será alí levou a cabo os primeiros estudos de primaria. Estudou a secundaria nos xesuítas de Valladolid[1].
Licenciouse en Filosofía e Farmacia. Gañou a primeira Cátedra de Química Aplicada ás Artes da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Foi o primeiro titular da Cátedra de Química na Universidade de Santiago de Compostela; ocupouna a raíz da súa creación polo plan de estudos de 1845, e ata a súa morte no 1888. Foi decano da Facultade de Filosofía (1846), da Facultade de Farmacia (1857) e o primeiro decano da Facultade de Ciencias (1859), e foi reitor dende 1871[1].
Desenvolveu a súa intensa vida científica e académica en Galicia, cara ao ben común da súa terra. Realizou investigación aplicada á industria, a agricultura e a medicina e estudo dos métodos de análise, do que é un dos iniciadores en España. Asemade, foi un dos iniciadores da espectroscopía peninsular. No 1866 aparece o seu Tratado práctico de análisis químico de las aguas minerales y potables.
Vida persoal
Casou con Juana Teijeiro Fernández, irmá de Maximino Teijeiro Fernández e foi pai de Fermín Casares Teijeiro.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Fernández García, Mª Isabel (2013). "A química en Lugo. Estudos académicos e lucenses eximios na materia". Lucensia. XXIII (46): 25–40. ISSN 1130-6831.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas