Anthonomus grandis é unha especie de gurgullo que se alimenta das flores e casulos de algodoeiro e pode ser unha praga para as plantacións de algodón, polo que se lle adoita chamar gurgullo do algodoeiro. Aínda que é nativo da parte central de México,[1] migrou desde alí aos Estados Unidos de América a finais do século XIX e infestou as áreas de cultivo de algodón de todos os EUA na década de 1920, devastando a industria e as persoas que traballaban no sur do país. A finais do século XX converteuse nunha importante praga en Suramérica tamén. Desde 1978 o Programa de Erradicación do Gurgullo do Algodoeiro aplicado nos EUA permitiu volver facer un cultivo a grande escala do algodón en moitas rexións.
Descrición
O insecto adulto ten un morro longo, cor agrisada e xeralmente unha lonxitude de menos de 6 mm.
Ciclo de vida
Os gurgullos adultos desta especie pasan o inverno en áreas ben drenadas situadas en ou preto dos campos de algodón e granxas. Despois da diapausa, saen dalí e entran nos campos de algodón desde principios de primavera á metade do verán, con picos de saída ao final da primavera, e aliméntanse das cápsulas inmaturas de algodón.
Os gurgullos do algodón poñen ovos dentro dos casulos e cápsulas en maduración (froitos) das plantas de algodón. A femia pode poñer ata 200 ovos nun período de 10 a 12 días. A oviposición causa feridas no exterior do casulo da flor. Os ovos fan eclosión en de 3 a 5 días dentro dos casulos cando estes se fan máis grandes antes de florecer, aliméntanse durante 8 a 10 días e despois pupan. O estadio pupal dura outros 5 ou 7 días. O ciclo vital de ovo a adulto dura tres semanas durante o verán. En condicións óptimas, poden orixinarse de 8 a 10 xeracións por tempada.
Empezan a morrer atemperaturas de -5 °C ou inferiores. Investigacións realizadas pola Universidade de Missouri indican que non poden sobrevivir máis dunha hora a -15 °C. O illamento ofrecido polas follas caídas, residuos da colleita e a neve axudan ao escaravello a sobrevivir cando a temperatura do aire cae por debaixo deses niveis.
Outras limitacións das poboacións dos gurgullos do algodoeiro son a calor extrema e a seca. Entre os seus predadores naturais están as formigas de fogo, outros insectos, arañas, aves e avespas parasitoidesCatolaccus grandis. Os gurgullos do algodoeiro ás veces saen da diapausa antes de que estean formados os casulos de algodón.
Infestación
O insecto cruzou o Río Grande preto de Brownsville, Texas, para entrar nos Estados Unidos de América desde México en 1892[2] e chegou ao sueste de Alabama en 1909. Na metade da década de 1920, xa entrara en todas as rexións algodoeiras dos Estados Unidos, viaxando uns 64 a 257 km por ano. Segue sendo a praga do algodón máis destrutiva en Norteamérica. Desde que o gurgullo do algodón entrou nos EUA, as súas infestacións costáronlle aos produtores de algodón uns 13 mil millóns de dólares en totoal e en anos recentes uns 300 millóns de dólares por ano.[2]
Esta praga contribuíu ás penalidades que sufriron os agricultores do sur dos Estados Unidos na década de 1920, unha situación que se viu exacerbada pola Gran Depresión da década de 1930.
O gurgullo do algodoeiro apareceu en Venezuela en 1949 e en Colombia en 1950.[3] A selva amazónica pensábase que era unha barreira para o espallamento do insecto, ata que foi detectado no Brasil en 1983. Estímase que o 90% do algodón cultivado no Brasil está agora infestado. Durante a década de 1990, espallouse a Paraguai e Arxentina. O ICAC (International Cotton Advisory Committee, Comité Internacional Asesor do Algodón) propuxo un programa de control similar ao utilizado nos Estados Unidos.[3]
Control
Durante os primeiros anos da presenza do gurgullo do algodoeiro, os cultivadores buscaron solos relativamente cálidos e cultivares de maduración rápida. Despois da segunda guerra mundial o desenvolvemento de novos pesticidas como o DDT permitiu que os agricultores dos Estados Unidos cultivasen outra vez algodón como unha colleita rendible. O DDT foi inicialmente enormemente efectivo, pero as poboacións do gurgullo desenvolveron resistencia a este composto na metade da década de 1950.[4] O metil paratión, o malatión e os piretroides foron os seguintes insecticidas utilizados, pero preocupacións ambientais e a resistencia que tiñan ao DDT fixeron que as estratexias de control cambiasen.[4]
Aínda que os insecticidas seguiron sendo os principais métodos de control, tamén se investigaron outros métodos, como a importación de formigas de lume (Solenopsis) como axente biolóxico de control,[5] o uso de cepas de algodoeiro resistentes ao gurgullo,[6] o uso de avespas parasitoides Catolaccus grandis,[7] a do fungo Beauveria bassiana,[8] e a do virus Chilo iridescente. O algodón transxénicoBt non está protexido contra este gurgullo.[9]
O anuncio "Beat the boll weevil..." ("Vence ao gurgullo do algodoeiro...") da Administración Alimentaria dos EUA, división educativa, sección de anuncios, 1918-1919)
O programa de control iniciado nas décadas de 1970 e 1980 tivo éxito en erradicar os gurgullos da maior parte dos estados produtores de algodón. Este programa e o da erradicación das moscas Cochliomyia (parasita do gando) da década de 1950 están entre os maiores e de maior éxito programas de control de insectos da historia.[10]
Notas
↑Jones, Robert (2000-01-21). "Evolution of the Host Plant Associations of the Anthonomus grandis Species Group (Coleoptera: Curculionidae): Phylogenetic Tests of Various Hypotheses". Annals of the Entomological Society of America94 (1): 51–58. doi:10.1603/0013-8746(2001)094[0051:EOTHPA]2.0.CO;2.
↑D. A. Fillman; W. L. Sterling. "Fire ant predation on the boll weevil" 28. BioControl: Volume 28, Number 4 / decembro, 1983. doi:10.1007/BF02372186.
↑Hedin, P. A.; McCarty, J. C. "Weevil-resistant strains of cotton". Journal of agricultural and food chemistry:1995, vol. 43, no10, pp. 2735–2739 (19 ref.). Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2012. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.