Ana García Armada, nada en Santiago de Compostela o 17 de xuño de 1970, é unha enxeñeira de telecomunicacións e investigadora galega, especializada en comunicacións móbiles de banda larga e tecnoloxía 5G. É catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade Carlos III de Madrid.
Traxectoria
Licenciouse en Enxeñaría de Telecomunicación pola ETSI de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid en 1994 e obtivo o doutoramento no Departamento de Sinais, Sistemas e Radiocomunicacións da mesma universidade en 1998, ano que pasou a formar parte como docente e investigadora da Universidade Carlos III de Madrid onde en 2019 desenvolve o seu traballo centrada no ámbito das comunicacións móbiles de banda larga.[1]
Realizou estancias de investigación na Universidade Stanford, no laboratorio de investigación electrónica Bell Labs formando parte equipo que obtivo o terceiro posto no premio de innovación "Bell Labs Prize 2014" e a Universidade de Southampton.[2]
En 2019 traballa como catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade Carlos III de Madrid, responsábel do Grupo de Comunicacións e exerce como profesora.[1][3]
Investigación
Ana García Armada deseña algoritmos, fórmulas matemáticas de codificación de información que usan as tecnoloxías como a televisión dixital terrestre, as conexións Wifi ou a tecnoloxía ADSL.[4] É investigadora principal de varios proxectos nacionais e internacionais. É responsábel do proxecto europeo TeleRescuer[5][6] onde se desenvolveu un robot teleoperado capaz de realizar rescates no interior dunha mina.[7][8]
En 2015 formou parte do equipo que logrou a patente MIMO HUB da Universidade Carlos III que elaborou unha chaqueta capaz de multiplicar por dez a velocidade de subida de contidos de dispositivos móbiles e que permite que unha peza, onde se camuflan decenas de antenas, poida conectarse a calquera terminal móbil para aumentar a súa velocidade de transferencia de datos, reducir o consumo de enerxía e mellorar a súa fiabilidade.[9][10][11]
Tamén liderou un proxecto destinado a dotar de capacidade Li-Fi[12] os farois da rúa, unha técnica que utiliza díodos emisores de luz (LED) para a transmisión de datos en código binario mediante rápidos escintileos imperceptíbeis para o ollo humano.[13] Ademais, é coordinadora no proxecto TeamUp5G, unha iniciativa europea (European Training Network, ETN) para investigar e formar en redes de telefonía móbil 5G.[14] [15]
Premios e recoñecementos
- 2010: Premio de Excelencia do Consello Social da Universidade Carlos III de Madrid na modalidade de Mozos Investigadores.[16]
- 2014: Terceiro posto no premio de innovación Bell Labs Prize.[17]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas