Ana María Botella Serrano, nada en Madrid o 23 de xullo de 1954, coñecida como Ana Botella, é unha política española do Partido Popular, alcaldesa de Madrid entre 2011 e 2015.[1]
Está casada desde 1977 con José María Aznar, presidente do Goberno de España durante as lexislaturas VI e VII, a quen coñeceu durante a súa viaxe de fin de carreira e con quen ten tres fillos: José María, Ana e Alonso Aznar Botella.
É a maior de trece irmáns, filla de Ernesto Botella Pradillo (1918-2011) e Ana María Serrano Sancho-Álvarez.[2]
Traxectoria
Cursou os seus estudos de primaria e secundaria nun colexio relixioso das Nais Irlandesas. Estudou Dereito na Universidade Complutense de Madrid.[3]
Funcionaria da Administración
Aprobou as oposicións para o Corpo de Técnicos de Información e Turismo e desde entón traballou para a Administración Pública (no Ministerio do Interior, o Goberno Civil de Logroño, o Ministerio de Obras Públicas, a Delegación de Facenda de Valladolid e o Ministerio de Facenda).[4]
Carreira política
En 2003 foi elixida concelleira do Concello de Madrid, e nomeada segunda tenente de alcalde, ocupándose da Concellaría de Goberno de Emprego e Servizos á Cidadanía ata 2007.
Desde 2004 forma parte do Comité de Dirección do Partido Popular de Madrid. Foi secretaria executiva de Acción Social ata 2008, e desde entón secretaria executiva de Acción Sectorial. É membro do Comité Executivo Nacional do Partido Popular desde 2008.
Nas eleccións de 2007 foi a número dous na lista do Partido Popular novamente para o Concello de Madrid e ocupou a Concellaría de Medio Ambiente.
En xuño de 2011 foi ratificada como segunda tenente de alcalde e titular da área de Goberno de Medio Ambiente e Mobilidade.[5]
O alcalde Alberto Ruiz-Gallardón deixou a alcaldía de Madrid o 22 de decembro de 2011 posto que fora designado un día antes como ministro de Xustiza polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Asumiu o cargo de alcalde como interino durante cinco días o vicealcalde Manuel Cobo e o 27 de decembro do mesmo ano o pleno do Concello escolleu (con 31 votos de 55) a Ana Botella como primeira alcaldesa de Madrid.[6]
Na presentación final da Candidatura de Madrid 2020 en Buenos Aires, en setembro de 2013, participou na delegación española, e utilizou nas súas comunicacións con xornalistas un limitado coñecemento de inglés.[7]
O 9 de setembro de 2014 anunciou a súa intención de non concorrer ás urnas nas eleccións municipais de 2015[8], tralas cales abandonou a alcaldía.
Notas
Véxase tamén