Eclesiasticamente pertence ao arciprestado de Alba, do bispado de Zamora. Ten unha poboación de 451 habitantes (INE2005). O seu termo municipal, de 4.630 hectáreas, linda ao norte con Zamora, ao sur co río Douro e Pereruela de Sayago, ao leste co río Douro e San Román dos Infantes (anexo do municipio de Pereruela de Sayago) e ao oeste con Villaseco del Pan e Muelas del Pan. Os seus habitantes dedícanse á agricultura, a gandaría e o sector servizos, outros traballan na capital aproveitando a proximidade da localidade á capital da provincia. A súa distancia ás poboacións limítrofes é a seguinte: de Villaseco del Pan, 4 km e de Muelas del Pan, 7 km. O núcleo non conta con estrada cara a Pereruela de Sayago nin San Román dos Infantes que se atopan a 8 e 4 km respectivamente.
Demografía
Evolución da poboación de: Almaraz de Duero desde 2001 ata 2007
A etimoloxía do nome é árabe, nesta lingua significa labrantíos. Até principios do século XX coñecíase como Almaraz do Pan, igual que o resto de pobos da comarca do Pan. Aparece xa rexistrado en documentos a principios do século XII, e a finais do mesmo recibe uns importantes forosmedievais que regulan a vida do lugar de reguengo que posteriormente pasou a ser do bispado de Zamora.
Patrimonio
A igrexa parroquial está dedicada á Transfiguración do Señor ou O Salvador. Construíuse no século XVI sobre unha anterior románica.
O santuario rupestre de San Pelayo está situado xunto ás ruínas dunha antiga ermida do século XV dedicada a san Gregorio Nacianceno e á que se acudía en romaría o día 9 de maio.
Hai unha fonte romana no centro da localidade e antigas minas de estaño repartidas por todo o termo, ademais de varias aceas e construcións de arquitectura pastoril. Neste municipio comezan os Arribes do Douro e é tamén coñecido pola paraxe dos Infernos onde se atopa o Ponte de Joyalada do século XVII. Antigamente a igrexa da localidade chegou a contar con cinco altares e cúpula, tivo o concello catro ermidas e contaba con varias confrarías.
Conta a localidade con varios servizos como consultorio médico, dous supermercados, tres bares, panadaría, farmacia, residencia de anciáns, liña regular a Zamora etc.
Festas
Celebra as súas festas patronais o sábado máis próximo ao 9 de maio, día de San Pelayo, e a fin de semana próxima ao 6 de agosto, día do Salvador.