Alfard

Alfard ou Alphard (α Hya / α Hydrae / 30 Hya) é a estrela máis importante da constelación de Hydra con magnitude aparente +1,99. O seu nome provén da árabe فرد|الفرد (Al Fard), "a solitaria", describindo apropiadamente a súa posición nunha rexión bastante baleira ó suroeste de Régulo (α Leonis). Outro nome que recibe a estrela, este proveniente do latín, é Cor Hydrae, pola súa situación onde ficaría o corazón do monstro.

Alfard é unha estrela xigante laranxa de tipo espectral K3 II-III de 4000 K de temperatura, non moi diferente a Arcturus (α Bootis) ou Aldebarán (α Tauri). Máis luminosa que ambas -cunha luminosidade visual 400 veces maior que a do Sol- é considerada unha xigante brillante. Porén, a maior distancia que nos separa dela, 177 anos luz, fai que no ceo pareza menos brillante que estas. O seu radio é 40 veces maior que o radio solar.

Alfard está considerada unha estrela de bario "leve"; pénsase que estas estrelas son binarias onde o exceso de bario provén da compoñente secundaria que no pasado contaminou á que hoxe é a estrela visíbel. A estrela contaminante, que evolucionou antes, hoxe é unha anana branca difícil de detectar.

Véxase tamén

Ligazóns externas