Aleksei Ilyich Chirikov (Алексей Ильич Чириков en ruso), nado na gobernatura de Tula o 24 de decembro de 1703 e finado en Moscova en novembro de 1748, foi un navegante e capitán ruso.
Traxectoria
En 1721, Chirikov graduouse na Academia Naval. Entre 1725 e 1730 e entre 1733 e 1743, foi subordinado de Vitus Bering durante a primeira e segunda expedicións a Kamchatka. O 15 de xullo de 1741 Chirikov (no seu barco San Paulo) foi o primeiro europeo en chegar á costa noroeste de Norteamérica, e a partir de entón descubrir parte das Illas Aleutianas. En 1742 Chirikov dirixiu unha partida de busca do San Pedro, o buque de Bering. Durante a viaxe, especificou a localización da Illa de Attu. Chirikov tomou parte na creación do mapa final dos descubrimentos rusos no océano Pacífico (1746).
Zonas da illa Kyushu, a illa Attu, a baía Anadyr, a baía Tauyskaya, e unha montaña submarina do Pacífico levan o seu nome.