Alalá (programa de televisión)

Alalá
Formato Documental musical
Duración 30 minutos
Creado por Senén Bernárdez Ferrán
Presentado por Pilar García Rego
Cadea TVG
Día da estrea 14-02-2006
Nº de temporadas 7
Nº de episodios 210

Na rede
https://www.agalega.gal/videos/category/14299-alala
IMDB: tt0878794 Facebook: Alala.TVG Youtube: UC5vZ66dc0OF1o3mumctAX6A Editar o valor en Wikidata

Alalá é un programa documental adicado á música tradicional galega, emitido pola Televisión de Galicia. Este espazo semanal, que se emitía os martes a partir das 21:35 h., estivo dirixido por Senén Bernárdez Ferrán e presentado por Pilar García Rego e emitiu sete temporadas.

Contidos

Acotío, paso a paso e grazas ás iniciativas de xente anónima, moitas xoias do saber tradicional poden incorporarse á vida cotiá moderna, impedindo que se esqueza para sempre este valor cultural. Unha das ideas esenciais de Alalá é a de relacionar a música tradicional galega e outras formas de patrimonio oral co contorno social e laboral de quen se dedica a ela, co fin de expandir a memoria do folclore galego.

O que propón Alalá é unha revisión do xeito en que a televisión difunde esta tradición musical, e así encadra a actuación dun grupo dentro do seu marco social, laboral ou persoal. Amosarase como e por que vías (tradicional, familiar ou aprendizaxe) xorden agrupacións nacidas en circunstancias ben diferentes. Séguese o proceso de recollida de pezas desde as súas fontes -testemuños directos de xente maior- ata a posta en práctica por unha agrupación de xente nova e finalmente obsérvanse as diferenzas, se as hai, dunha determinada expresión na Galicia interior, na marítima ou mesmo no norte de Portugal.

As gravacións realízanse sempre in situ, achegándose aos membros dos grupos nos seus lugares de traballo, familiares ou de lecer, e personalizando a cada un dos seus compoñentes. Coa cámara na man, Alalá busca sempre a espontaneidade nas gravacións e cada programa é unha historia capaz de interesar e de ser percibida con emoción por unha gran parte do público.

Ficha técnica

Pilar García Rego, presentadora do programa.
  • Dirección e creación do formato: Senén Bernárdez Ferrán
  • Realización: Senén Bernárdez, Fernando G. Moreiras e Juliana González.
  • Produción: Fina Cibeira e Manuel Viqueira
  • Guión: Arturo Fernández, Teresa Abuín, Chefi Vázquez e Pilar García Rego.
  • Presentación: Pilar García Rego
  • Asesores musicais: Uxía Senlle, Pablo Carpintero Arias, Juanjo Fernández, Félix e Cástor Castro, Xaime Éstévez, Oscar Ibáñez...

Audiencias, críticas, premios

Alalá acadou un grande éxito de audiencia e crítica, superando en porcentaxes de audiencia á media da cadea en prime time e con índices sempre crecentes entre o principio e o fin do programa.[1]

O feito de que un programa cultural se emitise en prime-time (horario de máxima audiencia), constituíu un feito fundamental na traxectoria non só de Televisión de Galicia senón das emisoras públicas en España. Alalá representaba como poucos programas a conciliación entre o necesario éxito de público e a función de servizo público que necesariamente e, segundo a súa intención e definición xurídica, deben ter as televisións autonómicas e públicas en xeral.

Como recoñecemento ó traballo de difusión e preservación da cultura tradicional galega, Alalá recibiu múltiples premios: Premio da Crítica Galega no apartado musical, Premio Galicia de Comunicación 2007 ó mellor programa de televisión[2], Premio da Academia da Televisión Española ó mellor programa musical, Premio do “Recuncho da Palleta” do programa Lume na Palleira, Premios polo seu traballo de difusión da música e cultura tradicional galega “Constantino Bellón”, de O Ferrol, e “Gomes Mouro”, de Ourense, o Gaita de Ouro Constantino Bellón do Ateneo Ferrolán[3].

As súas boas audiencias situárono tempada tras tempada entre os 8 primeiros da clasificación dos programas galegos máis vistos. Malia isto o programa foi eliminado da programación da TVG no ano 2013.[4]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas