Aire acondicionado

Aire acondicionado tipo split, xeralmente de uso particular.

Un aparello de aire acondicionado[1] é unha máquina que se encarga do tratamento do ar ambiente de locais destinados ao comercio, á vivenda e a procesos industriais ou de almacenamento. Con estes aparellos conséguese regular as condicións en canto á temperatura, humidade, limpeza, renovación, filtración e o movemento do ar dentro dos locais.

A primeira unidade de aire acondicionado eléctrica moderna foi inventada por Willis Carrier en 1902.

Entre os sistemas de acondicionamento atópanse os autónomos e os centralizados. Os primeiros producen por si mesmos o aumento da calor ou a súa diminución (frío) e tratan o ar parcialmente. Os centralizados teñen un ou máis acondicionadores individuais que tratan parcialmente o ar e obteñen a enerxía térmica (calor ou frío) dun sistema centralizado. Neste último caso, a produción da calor adoita confiarse a caldeiras que funcionan con combustíbeis. A produción de frío en máquinas frigoríficas, que funcionan por compresión ou por absorción, levan o frío producido mediante sistemas de refrixeración.

A ciencia que estuda as propiedades da mestura ar-vapor de auga e establece as relacións entre elas para o seu cálculo e tratamento, chámase psicrometría.[2]

Historia

O invento, definido como un aparello de tratamento do ar, foi patentado no mes de xaneiro do ano 1906, pero o termo aire acondicionado foi cuñado por Stuart Cramer, un enxeñeiro téxtil de Carolina do Norte, quen patentou un humidificador en abril do mesmo 1906.[3]

Willis Carrier, malia que era de familia humilde, conseguiu matricularse na Universidade Cornell de Ithaca (Nova York). Tivo que traballar para manterse, mais en 1901 saíu cunha licenciatura en enxeñería eléctrica.[3] No ano 1902 Willis Haviland Carrier creou as bases da refrixeración moderna e ao atoparse cos problemas da excesiva humidificación do ar arrefriado, desenvolveu o concepto de climatización de verán.

Naquela época un impresor neoiorquino de Brooklin[3] tiña graves dificultades no proceso de impresión, que impedía o comportamento normal do papel, obtendo unha calidade moi pobre polas variacións de temperatura, calor e humidade. Carrier púxose a investigar para resolver o problema: deseñou unha máquina específica que controlaba a humidade por medio de tubos arrefriados, dando lugar á primeira unidade de refrixeración da historia. Rapidamente interesáronse outras industrias que dependían dos factores ambientais para os seus procesos de produción, por exemplo empresas de comestíbeis, tabaco, películas ou produtos téxtiles e farmacéuticos.[3]

Durante aqueles anos o obxectivo principal de Carrier era mellorar o desenvolvemento do proceso industrial con máquinas que permitisen o control da temperatura e a humidade. Os primeiros en facer ir o sistema de aire acondicionado de Carrier foron as industrias téxtiles do sur dos Estados Unidos. Estas fábricas tiñan un gran problema, xa que pola ausencia de humidade creábase un exceso de electricidade estática facendo que as fibras de algodón se transformasen en lanuxe. Grazas a Carrier, o nivel de humidade estabilizouse.

Pola calidade dos seus produtos, un gran número de industrias, tanto nacionais como internacionais, decantáronse pola marca Carrier. A primeira venda que se realizou no estranxeiro foi á industria da seda de Yokohama no Xapón en 1907.

En 1915, Carrier e seis amigos reuniron 32.600 dólares e fundaron "A Compañía de Enxeñería Carrier", onde o grande obxectivo era garantir ao usuario o control da temperatura e humidade a través da innovación tecnolóxica e o servizo ao cliente. En 1922 Carrier levou a bo porto un dos inventos de maior impacto na historia da industria: "a refredadora centrífuga". Este novo sistema de refrixeración estreouse en 1924 nos grandes almacéns Hudson de Detroit, nos cales se instalaron tres refredadores centrífugos para arrefriar o soto e posteriormente o resto da tenda. No mesmo ano tamén se instalou en tres cinemas do estado de Texas, nos Estados Unidos. Aquel verán, as tres salas viron crecer espectacularmente a asistencia de espectadores.[3]

Tal foi o éxito, que inmediatamente se instalaron este tipo de máquinas en hospitais, oficinas, aeroportos, fábricas, hoteis e grandes almacéns. A proba de lume chegou en 1925, en canto á compañía Carrier lle foi encargada a climatización do cinema Rivoli de Nova York situado en Times Square.[3] Realizouse unha gran campaña de publicidade que chegou rapidamente aos cidadáns e formáronse longas colas na porta do cinema. A película que se proxectou aquela noite foi rapidamente esquecida, pero non o foi a aparición do aire acondicionado.

A finais da década de 1920, os propietarios de pequenas empresas querían competir coas grandes distribuidoras, de forma que Carrier empezou a desenvolver máquinas pequenas. No ano 1930, uns trescentos cinemas tiñan instalado xa o sistema de aire acondicionado. No ano 1928 fabricouse un equipo de climatización doméstico que arrefriaba, quentaba, limpaba e facía circular o ar, pero a Gran Depresión nos Estados Unidos puxo durante anos punto final ao aire acondicionado nas casas. Ata despois da segunda guerra mundial as vendas de equipos domésticos non empezaron a ter importancia en empresas e vivendas particulares.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aire acondicionado.
  2. Carlo Pizzetti. Acondicionamiento del aire y refrigeración.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Brotons, Ròmul (2010). El triomf de la imaginació, 60 invents que han canviat el món (o gairebé). Barcelona: Albertí Editor. pp. 18–20. ISBN 978-84-7246088-1. Arquivado dende o orixinal o 06-10-2014.  Arquivado 2014-10-06 en Wayback Machine.

Véxase tamén

Ligazóns externas