Agustina Mercedes González López, "La Zapatera", nada en Granada o 4 de abril de 1891 e finada en Víznar en outubro de 1936, foi unha escritora, intelectual, pintora vangardista e política española do século XX.
Traxectoria
Naceu na cidade de Granada, na Placeta de Cauchiles. Estudou no Real Colegio de Santo Domingo da cidade, e dende moi nova mostrou interese pola astronomía e a medicina. Ao ficar viúva a súa nai, os seus irmáns máis vellos e os tíos paternos encargáronse da súa educación. Permitíuselle ler tras un consello de familia. Para eludir esa vixilancia tan estrita, comezou a vestir de home, cunha capa de húsar de cor azul. Cando foi descuberta, alegou "tolemia social" para evitar ser castigada. Con todo, ao considerarse que sufría ataques de histeria, tivo que someterse a longos períodos en cama e mais a dietas estritas.[1]
Influída polas ideas do escritor Bartolomé José Gallardo e o seu Dicionario crítico burlesco, e tamén polas do bibliógrafo Cayetano Alberto de la Barrera y Leirado, publicou en 1916 o ensaio Idearium Futurismo, onde aposta por unha simplificación da ortografía.[2]
«El sistema futurista de eskribir resuelbe las difucultades ortográfikas por lo mismo ke simplifika la ortografía. Este libro ba todo esckrito en futurismo…» (fragmento do prólogo do ensaio Idearium Futurismo, que suprime as consonantes c, h, q, v, x, y e z.)[1]
Nesta época coñeceu a Federico García Lorca, a quen, segundo se di, lle inspirou a protagonista da súa obra de teatro La zapatera prodigiosa.[1][3] Parece que tamén inspirou a personaxe de Amelia en La casa de Bernarda Alba, xa que ela se facía chamar por este nome, co cal tamén asinaba os seus escritos.[4]
En 1928, vencellada á masonaría, publicou Las Leyes Secretas, libro en que expresou a súa concepción teosófica da vida e da morte. Nela relataba como conseguiu debuxar a cor dos espíritos e as súas formas a través da hipnose.[4] Co seu ensaio Justificación quixo explicar o porqué da súa conduta escandalosa. Ela mesma financiaba a edición dos seus libros e vendíaos na zapatería familiar.[1]
Presentouse ás Eleccións xerais de España de 1933 co Partido Entero Humanista.[5] O ideario deste partido consistía nunha mestura de contido esotérico (Entero) e de confianza no ser humano (Humanismo). Foi avalada por dous membros do PSOE: Alejandro Otero Fernández e Rafael García Duarte Salcedo.[4] Nesas mesmas eleccións, tamén pola circunscrición de Granada, presentábase María de la O Lejárraga García. González conseguiu 9 votos na capital e 6 nas vilas.
Tralo Golpe de Estado de 1936 foi encarcerada, trasladada á aldea de Víznar e fusilada xunto a outras dúas mulleres en outubro dese ano, malia que se descoñece a data exacta de dito fusilamento. Dise que Juan Luis Trescastro, quen presumía de asasinar a García Lorca, tamén reclamou para si a morte de La Zapatera "por puta".[6] En 1939 abriuse un proceso penal no que foi acusada de pertencer á masonaría e de simpatizar cos partidos de esquerdas. Foi condenada a unha indemnización de 8.000 pesetas que tivo que pagar a súa familia.[1]
Francisco Ayala lémbraa nos seus Relatos granadinos como "unha figura extravagante, probablemente un tola. Paseaba moito, entraba "e soa!" nos cafés e restaurantes e escribía cousas absurdas que tiña impresas e as vendía, logo, no escarparate da súa zapatería".[7]
Dramaturxia
Escribiu dúas obras de teatro: Cuando la vida calla, comedia en tres actos que foi estreada e mal acollida pola crítica, e mais o drama Los prisioneros del espacio, do que non se ten constancia de ser estreado. Nesta obra escenificou os supostos teosóficos. Consta de tres actos, número de especial simbolismo e sete escenas. Os personaxes, que actuan no presente, no pasado e no futuro, delimitan as fronteiras entre o mundo da materia e o do espírito. O seu ideario feminista tamén lle fixo dotar de natureza feminina a terceira persoa da Santa Trindade, o espírito, como fixera Helena Petrovna Blavatsky, unha das fundadoras da Theosophical Society[4].
Obra
- Idearium Futurismo (ensaio, 1916)[8][9]
- Justificación (ensaio, 1927)
- Las Leyes Secretas (ensaio, 1928)
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Irueste, Fernando Girón; Castillo, Enriqueta Barranco (2010). "Agustina González López, la Zapatera: escritora y política en la Granada de entreguerras" (29): 68–71. ISSN 1695-1956. Consultado o 21 de enero de 2019.
- ↑ "Agustina, la escritora futurista" (en castelán). Consultado o 5 de febrero de 2019.
- ↑ Cortés, Valme (1 de febrero de 2010). "Reportaje | Bucear en la Guerra Civil". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 5 de febrero de 2019.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Aspectos teosóficos del teatro de Agustina González". Consultado o 21 de enero de 2019.
- ↑ "Biblioteca Virtual de Prensa Histórica > Hoja Oficial del lunes : editada por la Asociación de la...". Consultado o 5 de febrero de 2019.
- ↑ Gibson, Ian (5 de abril de 2018). El asesinato de García Lorca. Penguin Random House Grupo Editorial España. ISBN 9788466663908. Consultado o 21 de enero de 2019.
- ↑ "Doble velo de silencio" (en castelán). 12 de octubre de 2008. Consultado o 21 de enero de 2019.
- ↑ La Correspondencia de España, nº 21.741
- ↑ ABC, 19-09-1917