Agios Georgios ou San Xurxo (grego: Άγιος Γεώργιος) é unha illa deshabitada grega na entrada da Golfo Sarónico. É a maior das illas deshabitadas das Illas Sarónicas cunha superficie de 4´3 km².[1] Na antigüidade a illa foi nomeada Velvina (Belbina) e é mencionada por Heródoto nun diálogo entre Temístocles e o seu opoñente político Timodemos de Afidnes.[2] A illa pertence ao municipio Lavreotiki.
Xeografía
A illa ten de noroeste a sueste 5´2 quilómetros de longo e ata 1´5 km de ancho. Alcanza unha altura máxima de 300 metros. O faro está no seu punto máis suroriental.[3] Atópase aproximadamente a 19 quilómetros ao sur do Cabo Sunión e a uns 33 quilómetros ao leste da costa de Argólida. A illa máis próxima é Patroklos, no cabo Sunion, situada a 17´3 km. Administrativamente pertence ao municipio de Hydra na rexión grega de Ática. Atópase a 31 km ao nordés desta illa.
Historia
Na antigüidade a illa chamábase Belbina e estaba habitada polos dorios. Malia a relativa proximidade a Ática eles relacionábanse máis co Peloponeso. Talvez o asentamento da colonia era unha cidade chamada Belemina na fronteira entre Laconia e Arcadia. Conserváronse as pegadas de socalcos da zona e os restos dun asentamento no cume desta illa montañosa pero non se atoparon nunca moedas ou inscricións que puidesen permitir unha determinación máis precisa da poboación. Xa na antigüidade considerábase un dos lugares máis insignificantes de Grecia.[4] Desde a época romana hai evidencias de que a illa foi utilizada como lugar de desterro.
En tempos modernos, en 1836, atópase unha mención da illa que ao parecer era propiedade dos agricultores de Hidra, que pastaban cabras alí e elaboraban queixo. Tamén desta época pódense atopar aínda restos de edificios. Durante a segunda guerra mundial a illa serviu aos ocupantes alemáns como base militar. Actualmente existen plans para construír un parque de enerxía eólica na illa.[1]