A acústica arquitectónica é unha rama da acústica aplicada á arquitectura, que estuda o control acústico en locais e edificios, ben sexa para lograr un adecuado illamento acústico entre diferentes recintos, ou para mellorar o acondicionamento acústico no interior de locais. A acústica arquitectónica, ademais do control do son en lugares pechados, tamén o estuda en espazos abertos (ao aire libre). Non foi até principios do século XIX que adquiriu categoría de ciencia grazas a W. C. Sabine; e a día de hoxe debera ser ben tida en conta na construción, pois é sabido que a contaminación acústica crea problemas de saúde, e non só restrinxila onde o control do son é fundamental, coma salón de actos, de concertos, teatros, estudios de gravación etc, e empregala con criterio en lugares de traballo e nos edificios e espazos das buliciosas cidades.
Evolución histórica
A acústica arquitectónica na Antigüidade
Os escritos máis antigos que se coñecen sobre acústica arquitectónica datan do século I a. C., máis concretamente, do ano 25 a. C. e débense a Marco Vitrubio Polio, enxeñeiro militar de Xulio César. Nestes escritos describe varios deseños para a acústica dos antigos teatros romanos. Por exemplo, utilizábanse vasillas de bronceafinadas que actuaban como resoadores, baixos ou agudos. Aínda que as vasillas servían para redirixir o son nunha dirección diferente á inicial, non o reforzaban.
Nas igrexas cristiás, de bóvedas altas, con moitos problemas acústicos, sobre o púlpito colocábase un tornavoz, especie de marquesiña, que evitaba que o son da voz do predicador se perdese polas bóvedas. Conseguíronse resultados moi notables.
Até o século XIX, o deseño acústico era puramente práctico e consistía, principalmente, en imitar disposicións de salas existentes nas que a música soaba ben. Ademais, había ás veces, prácticas case supersticiosas, tales como colocar arames (que non tiñan ningunha función) nos lugares altos dunha igrexa ou auditorio.
En 1895, cando se inaugurou o Museo de Arte Fogg, os membros do consello da Universidade de Harvard, ao comprobar que a acústica do recinto era pésima e que o discurso dos oradores eran inintelixible, pedíronlle a Sabine que resolvera o problema.
Sabine chegou á conclusión de que o problema residía na excesiva reverberación da sala. Para reducila, cubriu as paredes con feltro que é un absorbente acústico. Aínda que non foi unha solución ideal, a acústica mellorou e puido utilizarse a sala.
Tras este logro, Sabine foi chamado para asesorar a construción do novo Boston Symphony Hall. No desenvolvemento deste proxecto, durante as súas investigacións, estableceu unha fórmula de cálculo do tempo de reverberación que aplicou ao recinto.
Cando chegou o momento da inauguración en 1900, Sabine levouse unha gran decepción, xa que o tempo de reverberación da sala non se axustaba ao que predixera teoricamente. Foi moi criticado polos medios de comunicación e por outros expertos na materia.
Tras este fracaso Sabine abandonou as súas investigacións e volveu ao mundo universitario, dedicándose á ensinanza até a súa morte en 1919.
Mais, en 1950, cincuenta anos despois da construción do teatro, realizáronse algunhas probas e púidose contrastar que os cálculos de Sabine eran correctos.
Tras Sabine
Moitos autores intentaron mellorar a ecuación do tempo de reverberación para unha sala e, aínda que hai outras formulacións que contan con aceptación, como a de Eyring e Milligton, non obteñen resultados mellores que a de Sabine; polo que a fórmula de Sabine segue en uso.
Nos laboratorios Bell, E. N. Gilbert demostrou que grazas á utilización dunha ecuación integral, podíase obter un resultado por un procedemento iterativo. Obtivéronse óptimos resultados para certas aplicacións.
A partir de 1968, desenvolvéronse métodos informáticos de trazado de raios sonoros coa idea de seguir todas as reflexións que se producen e desta forma calcular o tempo de reverberación.
Tampouco estas técnicas recentes deron resultados moito mellores que a fórmula de Sabine. A fórmula de Sabine só foi mellorada ao introducir un factor de absorción (x) do aire para unha determinada temperatura e humidade. Factor que ten grande importancia se se trata de grandes recintos.
Aínda que Sabine é o pai da acústica arquitectónica, hai que ter en conta que a fórmula de Sabine nin é a única, nin tampouco é absolutamente fiable, mais é das fórmulas máis utilizadas.
Acústica en espazos abertos
Nos espazos abertos o fenómeno preponderante é a difusión do son. As ondas sonoras son ondas tridimensionais, é dicir, propáganse en tres dimensións, sendo as súas frontes de ondas esferas radiais que saen da fonte de perturbación en todas as direccións. A acústica terá que ter isto en conta, para intentar mellorar o acondicionamento dos enclaves dos escenarios para aproveitar o máximo as súas posibilidades e mirar como redirixir o son, focalizándoo no lugar onde se atopen os espectadores.
Os gregos construíron os seus teatros, onde se facían as obras dramáticas e as actuacións musicais, en espazos ao aire libre e aproveitaron as propias bancadas onde se encontraban os espectadores (bancadas en chanzos con paredes verticais) como reflectores, logrando así que o son reflectido reforzase o directo, de modo que chegaban a cuadriplicar a sonoridade do espazo que quedaba protexido polas bancadas. O tamaño dos teatros gregos era moi considerable, algún dos cales, grazas ás súas propiedades acústicas, chegou a ter capacidade para 15 000 espectadores.
Os romanos utilizaron unha técnica parecida, non obstante, a parede das bancadas non era plana, senón curva, o que permitía que se perdese menor cantidade de son e focalizábano mellor cara a un mesmo punto (concepción similar á do do reflector parabólico). Mais os máis grandes teatros romanos soamente tiñan capacidade para uns 5 000 espectadores. A perda das condicións debeuse en gran parte a que a orchestra, que o teatro grego servía para reflectir o son, en Roma foi o lugar que ocupaban os senadores e outros cargos, co que empeoraron as condicións.
Na nosa época aprovéitanse os coñecementos que da cultura clásica nos chegaron, e os recintos abertos constrúense con paredes curvas alombadas en forma de cuncha ou coiraza. Os materiais utilizados teñen propiedades reflectoras para facilitar o encamiñamento do son cara a onde se achan os espectadores. O problema é que a resposta en frecuencia non é uniforme e os graves chegan con maior dificultade até o auditorio que os agudos.
Acústica en espazos pechados
Nos espazos cerrados, o fenómeno preponderante que se ha de ter en conta é a reflexión. Ao público vaille chegar tanto o son directo como o reflectido, que se van en diferentes fases poden producir reforzos e en caso extremos falta de son.
Á hora de acondicionar un local, hase de ter tamén en importante consideración que non entre son do exterior (illamento acústico).
No interior haberá que lograr a calidade óptima do son, controlando a reverberación e o tempo de reverberación, a través da colocación de materiais absorbentes e reflectores acústicos.
As características acústicas de cada sala serán específicas para o uso que se lle vaia a dar.
É importante que o campo sonoro da sala sexa difuso. Con ese fin, poñeranse difusores, absorbentes e illantes que permitan redistribuír uniformemente o son e aproximarse ao campo difuso ideal.