Tras o estalido da rebelión dos Países Baixos en 1564 e o inicio da guerra dos Oitenta Anos, a Acta de abxuración representa o punto de non retorno na rebelión, tras o cal xa non hai acordo posíbel entre os rebeldes holandeses e a coroa española.
A asemblea omitiu de maneira expresa o título de rei, e determinou que debía servir aos seus súbditos e respectar as súas leis e tradicións e, en caso contrario, o pobo tiña dereito a elixir a outro gobernante.
Pero Filipe II non renunciou a estes territorios, e o gobernador dos Países Baixos Alexandre Farnesio iniciou a contraofensiva e recuperou á obediencia do rei de España de gran parte do territorio,[2] especialmente tras o asedio de Anveres, pero parte deles volvéronse a perder tras a campaña de Mauricio de Nassau.
Moitos maxistrados negáaronse a tomar un novo xuramento e prefiriron dimitir. A lei implicou un cambio total na orde política en moitas das cidades rebeldes dos Países Baixos, fortalecendo a posición dos insurxentes radicais. Filipe II non recoñeceu a acta nin a soberanía do duque de Anjou.[3] O duque mesmo non quedou satisfeito cos seus poderes limitados e tratou de someter a algunhas cidades, incluíndo Anveres (o episodio coñécese como a "furia do francés"). Os Estados Xerais empezaron a buscar outro soberano. Isabel I de Inglaterra rexeitou a oferta e entón os sublevados pedíronlle a Guillerme de Orange o Taciturno, que asumira o título "vacante" de conde de Holanda. Guillerme foi sasinado en 1584, e o proxecto non puido realizarse. Tras o tratado de Nonsuch (20 de agosto de 1585), Isabel I accedeu a enviar axuda aos rebeldes holandeses, sen aceptar porén a soberanía: no seu lugar nomeou a Robert Dudley, primeiro conde de Leicester, como Gobernador Xeral dos Países Baixos. Pero incluso este goberno, como o do duque de Anjou, foi un fracaso. Despois da saída de Leicester en 1587, os Estados Xerais decidiron asumir eles mesmos a soberanía, transformando as Provincias Unidas en República.