Óscar Sielva Moreno, nado en Olot o 6 de agosto de 1991, é un futbolista español que xoga como centrocampista no Huesca, da Segunda División.
Traxectoria
Nacido en Olot, formouse como futbolista nas canteiras do Santa Roc e o Garrotxa, antes de ingresar en 2006 nas categorías inferiores do Espanyol. O 30 de agosto de 2008, á idade de 17 anos e 24 días e sen ter vestido nunca a camiseta do filial, debutou co primeiro equipo na Primeira División, no partido inaugural da tempada ante o Real Valladolid, encontro no que substituíu ao histórico Iván de la Peña no treito final.[1] Xogou cinco partidos máis esa tempada, antes de fracturar dúas veces a clavícula.
Para a tempada 2009/10 foi cedido ao FC Cartagena, que viña de ascender á Segunda División. Con todo, só disputou pouco máis de 400 minutos durante a campaña, na que se enfrontou a miúdo co adestrador Juan Ignacio Martínez, que o quería facer xogar fóra de posición, como extremo. En xaneiro de 2010 regresou á estrutura do Espanyol para xogar co filial,[2] no que militou ata novembro de 2011, cando se incorporou ao equipo B do Málaga CF.
Deixou o Atlético Malagueño ao remate da tempada 2012/13 e posteriormente estivo a proba no Barcelona B, Girona [3] e Swansea City sen éxito.[4]
O 17 de xuño de 2014, despois dun ano sen equipo, fichou pola UE Olot, da Segunda División B.[5] Nos seguintes anos xogou tanto en Segunda B como en Terceira, defendendo as camisetas de Marbella FC,[6] CE Europa,[7] Somozas, Rápido de Bouzas e Ponferradina.[8]
Titular indiscutible no equipo berciano, en 2019 conseguiu o ascenso á Segunda División,[9] categoría na que xogou durante as seguintes campañas, coa propia Ponferradina primeiro e máis tarde co Eibar e o Huesca.
Selección nacional
Membro habitual da selección española sub-17, xogou un papel fundamental no triunfo desta na Eurocopa de 2008 celebrada en Turquía.
Notas