Un órgano timpánico é un tipo de órgano auditivo que se encontra en insectos que consta dunha membrana estendida nun marco formado por algunha estrutura anatómica que ten detrás un saco de aire e está asociada con neuronas sensoriais.[1] Os sons fan vibrar a membrana e as vibracións son percibidas por un órgano cordotonal. Os Hymenoptera (abellas, avespas, formigas, etc.) non teñen órgano timpánico,[2] senón un órgano de Johnston, que detecta as vibracións doutra maneira.
Os órganos timpánicos poden estar situados en case calquera parte do insecto: no tórax, a base das ás, o abdome, as patas, etc., dependendo do grupo de insectos. Pénsase que esta estrutura evolucionou independentemente moitas veces en distintas liñaxes.[3] Como resultado, a súa posición e estruturas úsanse a miúdo para axudar a determinar a taxonomía das especies. Por exemplo, todos os membros dos lepidópterosGeometridae teñen uns distitntivos órganos timpánicos abdominais pares que se abren cara á parte frontal do primeiro segmento abdominal.[4] Dentro do órgano, as estruturas concretas varían en forma e úsanse para indicar se as subfamilias comparten un antepasado común. Noutras familias de Lepidoptera con órganos timpánicos abdominais, a apertura pode ter unha diferente orientación e a estrutura unha distinta forma.
Os órganos timpánicos evolucionaron en Lepidoptera para permitirlles detectar as chamadas de ecolocación de morcegos predadores. O intervalo de frecuencias á que unha avelaíña é máis sensible está xeralmente asociado coas frecuencias usadas na ecolocación pola comunidade de morcegos simpátrica.[5] En presenza de morcegos predadores, observouse que a especie de lepidópteros Mythimna unipuncta detén os seus comportamentos de apareamento, como son as chamadas buscando parella e o aleteo.[6] Ademais, a audición é importante para os comportamentos relacionados coa busca de parella nesta especie porque as femias incrementan a súa frecuencia de aleteo arredor dos machos e os machos producen un ruído trémulo como resposta.[7]
Notas
↑Yack, Jayne E. (2004-04-15). "The structure and function of auditory chordotonal organs in insects". Microscopy Research and Technique(en inglés)63 (6): 315–337. ISSN1097-0029. PMID15252876. doi:10.1002/jemt.20051.
↑Acharya, L. “Predation Risk and Mating Behavior: the Responses of Moths to Bat-like Ultrasound.” Behavioral Ecology, vol. 9, no. 6, 1 Jan. 1998, pp. 552–558., doi:10.1093/beheco/9.6.552.
↑Fitzpatrick, Sheila M., and Jeremy N. Mcneil. “Male Scent In Lepidopteran Communication: The Role Of Male Pheromone In Mating Behaviour Of Pseudaletia Unipuncta (Haw.) (Lepidoptera: Noctuidae).” Memoirs of the Entomological Society of Canada, vol. 120, no. S146, 1988, pp. 131–151., doi:10.4039/entm120146131-1.