Xie Daoyun (chinés tradicional: 謝道韞; chinés simplificado: 谢道韫; pinyin: Xiè Dàoyùn; Wade-Giles: Hsieh4 Tao4-yün4), nada antes do 340 e finada despois do 399, foi unha poeta, escritora, erudita, calígrafa e polemista chinesa da dinastía Jin do Oeste. A súa obra ten influencias daoístas e confucianas.
Traxectoria
Naceu no condado de Yangxia (Henan), dentro do clan Xie.[1] Descoñécese a identidade da súa nai, pero sábese que tivo outros cinco fillos. O seu irmán foi o xeneral Xie Xuan. Foi a sobriña favorita do primeiro ministro Xie An. Ao seu tío gustáballe pasar o tempo cos sobriños, poñendo a proba os seus coñecementos de literatura e filosofía. Xie Daoyun superou a todos os seus primos e irmáns durante estas sesións.[2] Posteriormente, defendería ao tío contra as críticas de Huan Xuan.
Casou con Wang Ningzhi, fillo dun célebre calígrafo. A pesar de non amalo, tiveron xuntos varios fillos. A familia Wang tamén apreciaba os debates, e Xie saíu vitorioso de todos eles. Xie e o seu esposo trasladáronse xuntos a Jiangzhou, onde este obtivera un posto como inspector rexional.
Durante a rebelión de Sun En, Wang e os seus fillos foron asasinados. Xie e as súas servas enfrontáronse máis tarde cos rebeldes, e dise que logrou matar a varios deles antes de ser detida como prisioneira.[2] Cando Sun En ameazou con axustizar ao seu neto, Xie solicitou morrer no seu lugar, polo que o líder rebelde lles perdoou a vida.
Xie Daoyun regresou a Kuaiji para vivir os resto dos seus días na casa familiar dos Wang.
Recepción
O Jinshu ten unha biografía detallada de Xie Daoyun. Segundo esta fonte, a súa obra tivo moita sona entre os seus contemporáneos. Foi considerada un símbolo do talento feminino durante as dinastías posteriores. O Sanzijing tamén narra a súa vida, e unha peza musical da dinastía Ming relata as reunións de Xie Daoyun con Xie An.[2]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Hong Lee, L. X. e Stefanowska, A. D. (2007). Biographical dictionary of Chinese women: antiquity through Sui, 1600 B.C.E.-618 C.E. M.E. Sharpe, Inc.
- Xiong, V. C. (2017). Historical Dictionary of Medieval China (2nd ed.). Rowman & Littlefield.