Xesús Culebras Rodríguez, nado en Narón o 12 de febreiro de 1879 e finado en Madrid o 2 de abril de 1948, foi un veterinario, intelectual, científico e galeguista.
Traxectoria
Criouse en San Sadurniño, onde seu pai era secretario do concello. Culebras foi dúas veces por oposición ao alumno interno co número un. Tivo unha bolsa da Deputación da Coruña. Foi nomeado veterinario municipal de Padrón o 30 de decembro de 1907, e o Consello de Saúde da devandita cidade nomeouno subdelegado. Foi suspendido no cargo en 1910 e logo reposto polo Tribunal Contencioso-Administrativo en 1913. Tamén foi veterinario municipal en Valdemuño (Guadalaxara) onde exerceu como secretario - contador da Organización Republicana.
En 1914 foi nomeado profesor auxiliar de Parasitoloxía da Escola de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela[1], da que despois foi catedrático. Desenvolveu unha importante docencia laboral, figurando en numerosas ocasións como director ou secretario accidental[2]. Tras a desaparición da Escola de Veterinaria de Santiago trasladouse a Madrid. Dende 1928 foi profesor auxiliar e despois catedrático de parasitoloxía na Escola Superior Central de Veterinaria de Madrid. En 1935 seguía reivindicando a Escola de Veterinaria para Santiago.
Actividade política
Foi promotor e fundador da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela en maio de 1916. Militante republicano na súa mocidade, chegou ao nacionalismo procedente do agrarismo, ao que estivo ligado até a súa marcha de Galiza cara a 1929. Como irmandiño participou nas diferentes asembleas nacionalistas, fixo parte da dirección da organización compostelá, asumiu a máxima responsabilidade da mesma após a morte de Porteiro Garea, ficando por último como representante da Irmandade Nacionalista Galega na cidade. Ao tempo, mantivo unha intensa actividade agrarista, sendo habitual a súa presenza nos actos de propaganda nacionalista no mundo labrego e na directiva de diversas entidades e federacións agrarias[3] .
A influencia de Culebras na Federación Agraria do Partido Xudicial de Padrón, na que se iniciou na actividade social Manuel Antonio, foi decisiva para que en 1919 asumira o programa das Irmandades da Fala. Culebras avogou pola redución forzosa dos foros e recomendou a loita contra caciques e explotadores. Na I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo en novembro de 1918 propuxo, entre outras cousas, a igualdade de dereitos da muller e a desaparición das deputacións provinciais. Considerábase un indignado pola inxustiza[4]
Xesús Culebras foi vocal primeiro e despois Delegado da Confederación Agraria Rexional da provincia da Coruña, incluíndo unha poboación de 20 000 labregos. Entre estas figuraban as federacións de Ferrol-Pontedeume e Negreira, a Sociedade de Labradores de Betanzos, a de agricultores de Paderne, a agricultora e gandeira de Neda, a Necesaria de Fene, a de agricultores de Castro (Miño), o sindicato agrícola de Trazo, a agraria social de Iria Flavia (Padrón), o sindicato agrario central de Lavacenos (Moeche), a sociedade Orientación Juvenil de Teixeiro, o sindicato de agricultores de Tordoia, a sociedade de agricultores de Serantes e a Forza da Unión de Valdoviño[5] . Acompañou a Cambó na súa visita a Galicia en 1917[6]
Vida persoal
Casou con Luisa Souto González, tivo sete fillos, Luisa, Xulio Cesar, Adriano, Emiliano, Manuela, Sara e Antonio Culebras Souto.
Notas
- ↑ "Un nuevo catedrático ferrolano". El Correo Gallego: 1. 17-10-1914.
- ↑ Rodríguez García, Manuel (1994). Historia da Escola de Veterinaria de Santiago (1882-1924). Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. ISBN 84-8121-092-7.
- ↑ "As Irmandás da Fala, cada vez mais fortes". A Nosa Terra 19 (20). 20 de maio 1917.
- ↑ Culebras, Jesus (28 Febreiro 1919). "¡Terra a nosa!". Suplemento de El Noroeste 3: 31–32.
- ↑ "Federación Agraria". El Compostelano: diario independente 833. 27 de novembro de 1922.
- ↑ "Cando Cambó visitou Galiza". SERMOS GALIZA (244): 1–3. 4 de maio 2017.