Xesús María Barrientos Antelo[1], tamén citado como Jesús María[2], nado en Añobres (Moraime, Muxía) en 1945, é un empresario e político galego. Foi alcalde de Muxía.
Traxectoria
O pai de Barrientos emigrou á Arxentina e nunca volveu[2], así que de moi neniño tivo que traballar nunha casa de labranza. Escolarizado, traballou como albanel e, á volta do servizo militar montou empresa de seu[2], dedicada á albanelería e á construción, onde traballou até a súa xubilación.
Na década de 1970 vinculouse á cámara agraria e deseguido presentouse ás primeiras eleccións democráticas en Muxía encabezando unha candidatura independente. Foi elixido alcalde co apoio de UCD, e foi reelixido nas municipais de 1983 pola Coalición Popular cunha ampla maioría absoluta. Nas eleccións de 1987 presentouse pola CPG, e foi de novo reelixido alcalde, e como na ocasión anterior cunha ampla maioría absoluta. Foi un dos alcaldes desta formación que respaldou o apoio de 3 dos seus deputados provinciais desta formación á moción de censura presentada na Deputación da Coruña polos socialistas de Salvador Fernández Moreda, fronte ó aliancista José Manuel Romay Beccaría.
Nas eleccións de 1991 presentouse polo PSdeG-PSOE e gañou novamente, pero sen maioría absoluta, e perdeu a alcaldía tras apoiaren os concelleiros do PPdeG o único edil do BNG. De novo candidato do PSdeG nas municipais de 1995, logrou recuperar a alcaldía grazas a que desta vez si acadou o apoio do BNG, pero en setembro dese mesmo ano viuse obrigado presentar a súa renuncia á alcaldía logo de ser inhabilitado.
Tras isto abandonou a política durante uns anos, pero tras cumprir a inhabilitación en 2002 volveu presentarse como independente na candidatura do CDI (unha forza que conseguiu bastante apoio na bisbarra da Costa da Morte) nas municipais de 2003, e foi o único concelleiro elixido por esa formación. En 2007 abandonou a política para dedicarse á empresa.
Vida persoal
Casou dúas veces, a primeira na década dos sesenta con Matilde Varela, a mestra que lle dera clase[2][1], e a segunda en 2006 con Pilar Lago Mato[3]. Tivo un fillo (empresario[4]) e dúas fillas (entre elas Mercé Barrientos).
En 2008 sufriu un ictus[2].
Obra
- Fontes rumorosas do concello de Muxía (2020), sobre as fontes e lavadoiros de Muxía, escrito a canda a súa filla Mercé Barrientos[5].
Notas
- ↑ 1,0 1,1 "Fallece Matilde Varela, que fue maestra muchos años en Muxía". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-06-12. Consultado o 2021-06-14.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Rodríguez, Melissa (2020-11-05). "Jesús María Barrientos, de Muxía: «Con tan só seis anos fun traballar para a casa dun labrador moi duro»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2021-06-14.
- ↑ "Boda «política» en Muxía". La Voz de Galicia (en castelán). 2006-10-28. Consultado o 2021-06-14.
- ↑ "Un devoto sufraga la desinfección del simbólico santuario de A Barca". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-05-16. Consultado o 2021-06-14.
- ↑ "Jesús María e Mercé Barrientos presentan «Fontes rumorosas do Concello de Muxía»". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-08-14. Consultado o 2021-06-14.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas