Con trece anos comezou a recibir clases do pintor Antonio Fernández Gómez, que estaba retirado en Goián, onde nacera, logo de pasar a maior parte da súa vida no estranxeiro. Pousa foi instruído durante dous anos no debuxo a lapis e carbonciño antes de comezar a pintar os seus primeiros cadros ao óleo.
Tras unha viaxe a Francia, en 1953 recibe o Premio Carmen del Rocío, e partirá a Italia para coñecer a obra dos grandes mestres do Renacemento, e tamén aos Países Baixos e outros países para observar as obras flamengas. Remata os seus estudos en 1956, e en 1963, expón en Ourense, onde coñece a Carmela, a súa futura muller.
Tras moitos anos de viaxes e exposicións, formou parte dun grupo de artistas que Vicente Risco denominou Os Artistiñas (a comezos dos anos 60), foi membro do xurado na Bienal de Pontevedra, estivo no comité asesor de arte de Caixavigo (institución á que fixo importantes doazóns), e en 1996 foi elixido académico da Real Academia Galega de Belas Artes.