Xabier Barreiro Liz, nado en Santiago de Compostela o 28 de novembro de 1971, é un escritor en lingua galega e artista plástico.
Traxectoria
Formado na Universidade de Santiago de Compostela e na de Coímbra (Portugal), publicou artigos e narracións breves nas revistas literarias das respectivas universidades. Actualmente[cando?] dedícase ao mundo do ensino.
Obra
Ten publicadas tres novelas. As dúas primeiras A cova dos mouros (2000) e A pantasma telefónica (2001), están tamén ilustradas polo autor e enfocadas a un público infantil. Na primeira fala das aventuras fantásticas dun cativo de orixe musulmá que se interna nun mundo incrible cheo de seres marabillosos. Na segunda obra, unha pantasma comeza a empregar as novas tecnoloxías para aterrorizar un grupo de mozos e mozas de secundaria. A terceira novela, O son esquecido (2005) adéntrase na novela para adultos. Trátase dunha reflexión sobre as relacións humanas. A protagonista, Raquel, navega por un mundo interno que a leva a coñecerse a si mesma, empregando a viaxe interior como medio de autocoñecemento.
No eido das artes plásticas, Xabier Liz inscríbese nunha estética postinformalista, herdeira de pintores como Antoni Tàpies, Anselm Kiefer, Lucia Fontana ou Leopoldo Nóvoa, a quen Xabier Liz recoñece como o seu mestre e de quen recibiu consellos nos derradeiros anos de vida do pintor galego.
As súas últimas exposicións, en centros culturais e galerías de arte como Os Catro Gatos (Santiago de Compostela), Octógono (Avilés), El Estudio (Xixón) ou a Casa da Cultura de Luarca, amosan unha depuración do materialismo máis rugoso previo, inserindo nas superficies pictóricas pezas de cerámica e evocacións estilizadas de figuras. Sobre a obra de Xabier Liz afirmou o crítico Paco Yáñez no número 1 da revista La veintiuno: «si algo pone sobre el lienzo la actual pintura del artista gallego es el proceso de sedimentación pictórica de la materia, conformando verdaderos palimpsestos sobre los que vuelve una y otra vez implementando nuevas capas cuyas densidades y morfologías enriquecen los estratos artístico-geológicos de sus cuadros más recientes».