Xabaril de ErimantoNa mitoloxía grega, o Xabaril de Erimanto era un enorme xabaril que se alimentaba da xente e devastaba a rexión do Erimanto, na Arcadia. A caza do xabarilHeracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [1], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo. O terceiro destes traballos [2] foi cazar o Xabaril de Erimanto e levar o seu corpo ante Euristeo. Heracles, dando grandes berros, fixo saír do covo ó xabaril e foi empurrándoo ata chegar a unha zona cuberta dunha grosa capa de neve. Alí seguiu tras o animal ata agotalo e así puido tirarlle un lazo e capturalo. Hixino di que o matou, pero Francisco Miguel del Rincón, en nota ás Fábulas de Hixino, sinala que "no resto das fontes, o traballo era levalo vivo" [3]. Unha vez inmobilizado, cargouno sobre os ombros e levouno a Micenas, ante Euristeo. Este, aterrorizado, agochouse na cántara de bonce que mandara construír para protexerse de Heracles. Cóntase que a pel do xabaril e mailos cairos gardáronse como exvoto no santuario de Apolo en Cumas [4], unha antiga cidade da Magna Grecia (actual Campania, ó sur de Italia). O centauro FoloNo camiño cara a Erimanto, Heracles parou na casa do centauro Folo (fillo de Sileno, un sátiro compañeiro de Dioniso). Este Folo era amigo de Heracles e, xunto a Quirón, os dous únicos centauros sabios e rectos [5], mentres que o resto deles eran personaxes salvaxes, luxuriosos, violentos cando estaban borrachos, como resultaba habitual. Folo deu de comer a Heracles (carne asada para este e carne crúa para el) pero Heracles pediulle viño. Folo tiña unha cántara de viño pero era propiedade común de tódolos centauros e non quería abrila por medo a que aparecesen. Heracles tranquilizouno e insistiu, e Folo cedeu e abriu a cántara. Efectivamente, ó recendo do viño chegaron axiña numerosos centauros, e Heracles axotounos primeiro botando tizóns acesos contra eles, e logo xa perseguiunos lanzándolles frechas. Os centauros refuxiáronse xunto a Quirón con tan mala sorte que unha das frechas de Heracles feriu a un deles, Élato, e foi dar no xeonllo de Quirón. Aínda que Heracles lle sacou a frecha inmediatamente e botoulle unha untura que lle dera o propio Quirón [6], el sabía que as feridas provocadas polas frechas de Heracles eran incurables, pois estaban impregnadas co sangue da Hidra de Lerna. Retirouse para morir ó interior da cova, pero Quirón era inmortal, pois era fillo de Cronos e de Filira (unha filla de Océano, así que Prometeo ofreceuse a Zeus para ser el inmortal no lugar de Quirón, e así este puido morrer. E non só foi que morrera Quirón senón que mentres Heracles perseguía ós outros centauros, Folo sacoulle unha frecha a un dos cadáveres, asombrado de que puidera matar a centauros tan grandes sendo unha cousa tan pequena. Ó manipulala caeulle das mans e foi caerlle nun pé, morrendo de socate. IconografíaA representación iconográfica deste traballo reduciuse, practicamente, ó momento no que Heracles carga co xabaril sobre os ombros. O motivo case desaparece na Idade Media e Moderna, e só se reflicte nos ciclos que recollan os diferentes traballos do heroe, como os realizados por Zurbarán en 1634 para o Palacio del Buen Retiro (Madrid), hoxe no Museo do Prado [7] ou por Delacroix en 1854. Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Information related to Xabaril de Erimanto |