Un winglet, tamén chamado dispositivo de punta alar (wingtip device), é un dispositivo usado para mellorar as condicións aerodinámicas dos avións reducindo a resistencia.[1] O winglet é unha extensión vertical ou angulada situada na punta das ás. Existen varios tipos e, aínda que funcionan de distintos xeitos, o efecto desexado é sempre o de reducir a resistencia aerodinámica do avión alterando o fluxo de aire preto das puntas das ás. Estes dispositivos tamén melloran as características de manexo da aeronave e aumentan a seguridade para as aeronaves que van detrás. Ditos dispositivos incrementan o alorgamento alar efectivo dunha á sen incremento material da envergadura.
Aumentar a envergadura tamén podería reducir a resistencia inducida, pero incrementaría o arrastre parasitario que requiriría aumentar a resistencia e o peso da á. Chegado a certo punto non hai un beneficio neto se se continúa incrementando a envergadura. Ademais existen consideracións operacionais que limitan a lonxitude das ás, como por exemplo o ancho dispoñible nas portas de embarque dos aeroportos.
Os winglets incrementan a sustentación xerada na punta da á (suavizando o fluxo de aire a través da á superior preto da punta) e reducen a resistencia inducida causada polos vórtices da punta da á, mellorando a relación de planeo. Isto incrementa a eficiencia do combustible e avións con motores e incrementa a velocidade nos planadores, aumentando nos dous casos o alcance.[1] Estudos da Forza Aérea dos Estados Unidos indican que unha certa mellora na eficiencia do combustible se relaciona directamente co incremento causal da relación de planeo.[2]